Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE SEIS EMPRESAS OPTAN A EXECUTAR A HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DO MIRADOIRO DA PEIXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de seis empresas optan a executar a humanización da contorna do miradoiro da Peixeira. Trátase de Citanias Obras e Servizos, Civis Global, Construcións Castro Figueiro, Construcións E.C. Casas, Construcións Obras e Viles e Misturas. O proxecto saíu a licitación por 990.537 euros e un prazo de execución de cinco meses. A actuación suporá un cambio significativo no espazo, que abarca unha superficie total de 3.100 metros cadrados está incluída no Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares para a Execución da Axenda 2030 (PON2030), a través do cal a Deputación achegará o 80% do custo total, mentres que o Concello de Sanxenxo asumirá o 20% restante.

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación. A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe. O proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra. Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva.

O protagonismo do espazo será para o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de calmado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona. No viario da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección.

Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais, polo que se opta por desmantelar parte do gran muro de contención actual co fin de renaturalizar e descontaminar a fronte costeira e, en consecuencia, de mellorar paisaxísticamente e funcionalmente a conexión do núcleo co mar. Para iso, ademais de demoler o muro e tratar de recuperar o territorio e paisaxe previa, incluiranse especies arbóreas autóctonas (piñeiro atlántico) e reutilizaranse os materiais de demolición para distintos elementos do mobiliario. En canto á iluminación actual substitúese por outro cunha proxección máis baixa, máis contida, totalmente integrada nos muros e varandas de bloque de formigón xerados.

0
0
0
s2sdefault