Concello de Sanxenxo - O GROVE E SANXENXO ULTIMAN A SÚA NOVA WEB COMO DESTINOS TURÍSTICOS INTELIXENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os alcaldes presentarán o próximo 20 de marzo a nova plataforma ao sector turístico de ambos os concellos

O Grove e Sanxenxo ultiman a nova web como destinos turísticos intelixentes. A plataforma incluída no proxecto impulsado desde a Mancomunidade do Salnés ten como obxectivo mellorar a experiencia do visitante, así como o coñecemento e os servizos de cada concello. Este proxecto, correspondente á convocatoria de "Destinos Turísticos Intelixentes" (DTI) posta en marcha por Rede.es, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, foi adxudicado a Vodafone. Está financiado nun 60% por Rede.es, mediante a cofinanciación do fondo Feder a través do Programa Operativo Plurirregional de España (POPE), e nun 40% con fondos municipais de ambos os concellos a través da a Mancomunidade do Salnés.

A sede do Obradoiro de Hostalaría do Salnés en Sanxenxo acolleu esta mañá unha reunión de traballo para perfilar a versión definitiva das páxinas web turísticas de cada concello. No encontro que estivo presidido polos alcaldes de Sanxenxo, Telmo Martín, e do Grove, José Cacabelos, asistiron persoal técnico e representantes de Rede.es, Vodafone, Mancomunidade do Salnés e Techfriendly.

O obxectivo é presentar as novas webs o próximo 20 de marzo ao sector turístico xa que aloxamentos e hostalaría terán un papel protagonista nas plataformas.

O proxecto de polos turísticos intelixentes pretende conseguir tres resultados principais: un maior coñecemento do turismo; a optimización da xestión de picos de demanda turística mediante solucións tecnolóxicas enfocadas á seguridade e a mobilidade para mellorar a gobernanza do destino; e lograr un destino consolidado máis eficiente e sustentable.

Durante a reunión desta mañá tamén se abordou o estado do resto de compoñentes incluídos no proxecto como a aplicación móbil, o aluguer de bicicletas, a instalación de cámaras tracking e de cálculo ou a posta en marcha dos puntos wifi.

0
0
0
s2sdefault