Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CREARÁ UNHA ZONA PARA GOCE VECIÑAL NOS TERREOS QUE HAI ENTRE A PO-308 E O VIARIO DO TELLEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación forma parte dun proxecto máis ambicioso de recuperación e posta en valor do patrimonio natural e arqueolóxico da zona da Lanzada e a Rede Natura 2000

A defensa do patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e dos espazos de alto valor natural e paisaxístico son dous principios irrenunciables deste goberno. En ambos os casos están previstas actuacións relevantes neste mandato como a segunda fase do Pazo de Quintáns, a senda do litoral da Ría de Arousa e as melloras previstas no istmo da Lanzada, que reúnen os elementos patrimoniais de maior valor.

É o caso da capela da Lanzada, recentemente rehabilitada, e dos restos da fortaleza construída no século X polo bispo Sismando II, declarada Ben de Interese Cultural en 1985, e na que está previsto actuar cun proxecto que protexa e poña en valor a súa estrutura. A maiores, está pendente a musealización do xacemento da Lanzada a través dun convenio entre o Ministerio de Transportes e a Deputación de Pontevedra. Un xacemento de hai 2.800 anos onde se atoparon os únicos esqueletos ben conservados da Galicia primitiva e, segundo o xefe de Arqueoloxía da Deputación, os seus "restos explican medio libro da historia de Galicia".

O Concello ten previsto mellorar os 143.000 m2 da Rede Natura 2000 que hai entre a estrada da costa (PO-308) e o viario do Telleiro (achegamos planos) para crear un amplo espazo de lecer para os veciños. A curto prazo, mediante a recuperación e limpeza da zona, eliminando a vexetación invasora e elementos incompatibles cun hábitat costeiro-dunar e potenciando a vexetación autóctona ou halófila que crece en medios salinos. A medio prazo realizarase unha actuación de maior envergadura acorde ás directrices de protección de Rede Natura 2000. En ningún caso, será posible utilizar como aparcadoiro ou almacén uns terreos de tanto valor natural e paisaxístico.

Os plans do goberno nunca van prexudicar á Romaría da Lanzada ou a Festa da Ostra, que forman parte da identidade da parroquia e que o Concello sempre apoiou e mesmo reforzou coa creación do evento "A Lanzada Maio" que se celebrou por primeira vez en 2023. Pero é evidente que hai que protexer o istmo da Lanzada mellor que ata agora, evitando calquera dano ao patrimonio e ao medio natural.

En definitiva, Noalla ten unha oportunidade única na recuperación e posta en valor do seu patrimonio cultural e paisaxístico, unha fonte de progreso e desenvolvemento sustentable que beneficiará aos seus veciños e aos numerosos hoteis que hai na Lanzada e A Revolta.

0
0
0
s2sdefault