Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACARÁ A CONCURSO ESTA SEMANA A RECUPERACIÓN E REHABILITACIÓN DO EXTERIOR DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O prezo de licitación será de 770.000 euros e o prazo de execución, de 12 meses

O Concello de Sanxenxo ultima os trámites para sacar a concurso a recuperación e rehabilitación exterior do Pazo de Quintáns. O proxecto que se desagrega en seis actuacións sairá a licitación por 770.00 euros e un prazo de execución de 12 meses.

1. Espazo multifuncional de eventos:

Proxéctase a construción dun espazo versátil que permite albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé. O seu deseño permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre. Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do Pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza. Mantense unha relación e un criterio coa rehabilitación do pazo xa que, os materiais empregados e os sistemas construtivos seguen o mesmo criterio (pedra, madeira e vidro principalmente), dispondo a totalidade das fachadas da edificación dun cerramento formado por sillería de granito.

2. Aparcadoiro e mellora de acceso:

Proponse a creación dun aparcadoiro na leira Oeste anexa (non pertencente ao conxunto do BIC), que disporá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcadoiro, pavimentarase con lastro o acceso. Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcadoiro e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para
o peche do conxunto do Pazo. Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte.

3. Recuperación do hórreo:

A cuberta do hórreo substituíuse na recente rehabilitación do edificio nobre. Preténdese o saneamento, limpeza e reparación dos diferentes elementos pétreos, así como a substitución de elementos laterais de fábrica enfoscada por lamas de madeira cun acabado pintado no mesmo verde que a carpintaría instalada na recente rehabilitación do edificio nobre.

4. Limpeza e saneamento da totalidade dos muros

Proponse a limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrales e interiores que delimitan e que compoñen o conxunto do Pazo. De igual maneira, preténdese a recuperación dos ocos, tanto de portas de paso como de xanelas, e a instalación nos mesmos de carpintaría e cerrajería realizada en aceiro cortén, de similares características ás existentes nos muros exteriores na recente rehabilitación do edificio nobre do Pazo.

5. Adecuación do Parladoiro e do oco miradoiro

Prevese a limpeza e saneamento dos dous parladoiros que se sitúan no conxunto. Ademais, potenciaranse cunha iluminación que o realce. Un deles está situado no muro de peche sueste do espazo do xardín Barroco e o outro no muro nordés do patio de labranza.

6. Patios da contorna do Pazo

Realizaranse itinerarios peonís mediante a instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area coa debida iluminación tanto a nivel do chan como mediante balizas homoxéneas integradas no conxunto, que garantan a utilización dos devanditos itinerarios de maneira segura.

0
0
0
s2sdefault