Concello de Sanxenxo - SANXENXO RECOLLE 11.180 QUILOS DE RESIDUOS ORGÁNICOS NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A concesionaria realiza a recolleita porta a porta aos grandes produtores cun 0% de impropios

Sanxenxo, 4 de abril de 2024.- Sanxenxo recolleu 11.180 quilos de residuos orgánicos no primeiro trimestre do ano. A implantación do servizo porta a porta a finais do ano pasado para os grandes xeradores está a resultar un éxito alcanzando a cifra de 0% de impropios, unha vez testados na planta de Sogama no polígono de Baión en Vilanova de Arousa. A concesionaria do servizo encárgase de repartir os colectores marróns entre os locais abertos que logo recolle cheos, dependendo do ritmo de actividade, unha ou tres veces por semana.

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, destaca "o bo comportamento" da hostalaría e a colaboración no tratamento destes residuos. O colector marrón tamén está operativo nalgunhas illas de Sanxenxo e Portonovo para particulares que tamén dispoñen de composteiros individuais e colectivos. Máis ou menos o 40% dos residuos xerados diariamente polos fogares son residuos orgánicos ou biorresiduos. Por este motivo é importante concienciarse sobre a necesidade de separar correctamente os residuos orgánicos e avanzar cara a unha economía circular.

En canto ao resto de residuos, recolléronse 1.926.540 quilos, de envases 73.060 quilos; de papel103.580 quilos; 82.700 de vidro e 57.790 quilos de voluminosos. Cabe lembrar que o Concello en colaboración con Ecovidrio realizaron unha campaña porta a porta aos establecementos de hostalaría para lembrarlles a obrigatoriedade de separar estes envases, en liña co cumprimento da ordenanza municipal. A hostalaría xera, aproximadamente, o 50% dos envases de vidro dun só uso polo que a súa colaboración é clave para incrementar as cifras de recollida selectiva de envases de vidro e a consecución de obxectivos de reciclaxe.

O Concello de Sanxenxo atópase xa traballando nos pregos da nova concesión do lixo co obxectivo de modernizar o servizo como xa se fixo o ano pasado co ciclo da auga.

0
0
0
s2sdefault