Concello de Sanxenxo - O CONCELLO TALLARÁ PIÑEIROS NO PARQUE DE BALTAR E SANEARÁ O PIÑEIRAL DO PASEO ANTE O POSIBLE RISCO DE CAÍDAS DE EXEMPLARES E RAMAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O departamento de Medio Ambiente encargou dous informes á Estación Fitopatolóxica do Areeiro ante a caída de árbores durante este inverno

Sanxenxo, 10 de abril de 2024.- O Concello encargou dous informes á Estación Fitopatolóxica do Areeiro tras a caída de varios exemplares e ramas durante o pasado inverno no parque e o paseo de Baltar. O departamento de Medio Ambiente, dirixido por Yago Torres, analizará, ademais, de forma preventiva, os exemplares de árbores dos espazos verdes públicos máis transitados para coñecer o seu estado.

No estudo realizado no parque de Baltar, situado enfronte do campo de fútbol e á beira do pavillón, os técnicos recomendan a eliminación da totalidade dos piñeiros "pensando en que pola súa arquitectura esfiada e inadecuadas relacións copa e fuste e altura diámetro teñen certo risco de rotura ou caída". No informe, recoñecen que é a "opción máis agresiva, pero é a que se debe considerar se se desexa eliminar a posibilidade de que poidan causar danos ás persoas ou ás infraestruturas" e inciden en que "o risco cero non existe mesmo con árbores totalmente sas e sen problema de estabilidade aparente, pero en casos coma os destes piñeiros aínda é máis complicado reducilo". Ao mesmo tempo, unha vez retirados os exemplares, deseñarase unha repoboación con árbores ben distanciadas para que crezan dunha forma correcta. En canto ás especies frondosas, á parte dos labores típicos de vixilancia, a estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda: Trasplantar se é posible algúns dos pés que están moi próximos, sanear os cortes de poda mal realizados e aplicar despois do novo o corte unha pasta feita a base dun fungicida de cobre.

O informe realizado sobre o piñeiral do Paseo de Baltar recomenda reestruturar as copas máis inestables e con ramas secas realizando podas en forma de bisel, sanear as ramas de grandes dimensións e ir eliminando progresivamente as árbores con arquitectura máis deficiente a nivel estrutural para permitir o crecemento dos exemplares. Tamén se expón retirar o tronco en forma de cadeira para evitar a atracción de fungos patógenos que poida pór en perigo ao conxunto do arboledo. Ademais, proponse destruír todos os restos de poda e tratar as cicatrices cun fungicida. "Con estas medidas preténdese mellorar o estado e condicións das árbores do conxunto e reducir os riscos de danos pola rotura e caída de ramas. Eliminar completamente os riscos e inviable polos numerosos factores que poden ter incidencia na estabilidade", puntualiza o informe.

0
0
0
s2sdefault