Concello de Sanxenxo - O IES SANXENXO CUMPRE AS SÚAS VODAS DE PRATA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O centro celebrou hoxe un acto no que se reuniron os cinco directores da historia do instituto

Sanxenxo, 10 de maio de 2024.- O IES Sanxenxo celebrou esta tarde os seus 25 anos de historia nun acto no exterior que reuniu aos cinco directores do centro, exalumnos e membros da ANPA. Tamén contou coa presenza da concelleira de Educación, Nati Parada, representantes dos grupos municipais; Octavio González do BNG e Fernando Otero do PSOE, e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares que destacaron a traxectoria formativa do centro. Tamén asistiron a edila de Cultura, Elena Torres, e o de Deportes, Marcos Guisasola.

Durante as intervencións, a concelleira de Educación incidiu en que "son moitas as familias que pasaron por este centro, moitos os mestres e mestras que ensinaron e moito o alumnado que se formou non só na parte educativa senon tamén na formativa como persoas. Porque os mestres non só transmitimos coñecementos senón que colaboramos en formar persoas".

O profesor de música Marcial Ruiz encargouse de pór a banda sonora ao acto no que se inaugurou un mural nunha das paredes do ximnasio, "Camiño das palabras" realizado pola artista Natalia Umpiérrez no que se recompilan palabras de autores galegos, como Neira Vilas, durante a súa visita ao centro.

Na entrada do centro e facendo unha referecia á temática na que traballa este ano o centro, o cine, descubriuse no chan unha "estrela da fama" na que se pode ler "25 anos. IES Sanxenxo, un centro de cine".

0
0
0
s2sdefault