Concello de Sanxenxo - CARLOS CARBALLA "CARRAMÓN" RECIBE A CÁMARA DE OURO NO MARCO DA EXPOSICIÓN OLLARES NA RÚA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O parque do Espiñeiro acolle desde onte unha exposición ao aire libre de fotografías históricas do municipio

Sanxenxo, 4 de xuño de 2024.- O coñecido fotógrafo portonovés, Carlos Carballa, máis coñecido como "Carramón", recibiu esta tarde a insignia da cámara de ouro pola súa achega á historia da fotografía do municipio. O acto enmárcase dentro da exposición ao aire libre de imaxes antigas do municipio organizada pola Asociación Ollares de Portonovo e o Concello de Sanxenxo que ata hoxe estarán no parque do Espiñeiro de Portonovo. En total son máis de 2.500 imaxes do municipio que van desde os anos 50 ata a actualidade. Ademais, hai unha aérea do ano pasado de Portonovo de cinco metros de longo e 3 de ancho a modo de photocall.

A concelleira de Cultura, Elena Torres, foi a encargada de facerlle entrega da insignia a Carlos Carballa que contou os seus inicios no mundo da fotografía. "Pode soar raro, pero empecei a interesarme pola fotografía cando saía da Escola Naval de Marín no maleteiro dun coche durante a miña etapa na mili", lembra. Ese pequeno buraco do maleteiro e o reflexo de todos os edificios na súa gorra a modo de "caixa negra" provocou "unha fascinación". Foi nese momento no que empezou a realizar de forma totalmente autodidacta fotos cunha cámara compacta, Werlisa, aos seus compañeiros. "Vendíalles cada foto a 25 pesetas", sinala.

Cando acabou o servizo militar, funda en Portonovo o primeiro estudo de fotografía, Studio 21, en 1981, e pode presumir de contar aínda con máis de 15.000 negativos de fotos históricas de Sanxenxo: "Teño fotos da primeira nevada en Portonovo, das cisternas da auga cando houbo seca, de estradas en terra", asegura. Un amplio arquivo de fotografías que se exporán en próximas edicións.

O premio non lle colleu, por sorpresa, porque forma parte do colectivo Ollares de Portonovo, e mesmo recoñece que tentou disuadirlles, pero "non houbo forma". Antes que a Carlos Carballa, fíxoselle entrega da cámara de ouro a Gerardo Torres de Foto Torres, e a Olimpio Piñeiro de Foto Olimpio, neste caso a título póstumo.

0
0
0
s2sdefault