Concello de Sanxenxo - SANXENXO AUTORIZARÁ AS FOGUEIRAS DE SAN XOÁN NOS AREAIS DE PANADEIRA, SILGAR E CANELIÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello abre o vindeiro luns, 10 de xuño, o prazo para solicitar o permiso para San Xoán e San Pedro

Sanxenxo, 6 de xuño de 2024.- O Concello de Sanxenxo permitirá, previa solicitude de autorización, a realización de fogueiras en tres praias durante a noite de San Xoán. Os areais nos que se poderá realizar a festa son Panadeira, Silgar e Caneliñas. En consecuencia, non se poderán acender fogueiras en ningún outro areal do municipio. Os particulares que desexen realizar fogueiras nas súas leiras particulares ou prazas públicas tamén deberán solicitar permiso.

O prazo para a solicitude de autorización e identificación das persoas que se farán responsables de cada unha das fogueiras autorizadas abrirase o vindeiro luns, 10 de xuño e prolongarase ata o 21 de xuño, de 9:30 ás 14:30 horas. Ademais de no rexistro municipal, vía electrónica ou presencial, os interesados poderán tramitar a comunicación previa tanto para as fogueiras de San Xoán como para San Pedro, de forma excepcional, nas oficinas de Medio Ambiente en Vilalonga. Unha vez realizado o trámite, o responsable deberá asinar a normativa que deberá cumprir.

A Concellaría de Medio Ambiente realizará unha listaxe cos participantes e os lugares das fogueiras para entregar á Policía Local e Emerxencias de Sanxenxo. Ambos os departamentos municipais coordinarán o dispositivo de vixilancia e control durante as noites do 23 ao 24 de xuño.

Ademais, o Concello porá en marcha un operativo especial da Policía Local, dos servizos de emerxencia e do servizo de limpeza. O horario de vixencia para a autorización das fogueiras será exclusivamente para a noite do día 23, desde as 22 horas as 6 horas do 24, período no que quedará prohibido o baño. As persoas con autorización poderán baixar o material á praia a partir das 21 horas. Ás seis da mañá evacuaranse as praias para proceder á súa limpeza garantindo que estarán en perfectas condicións á primeira hora da mañá.

0
0
0
s2sdefault