Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ, POR PRIMEIRA VEZ, CUN SERVIZO DE TRANSPORTE URBANO A PARTIR DO 22 DE XUÑO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O servizo estará integrado no sistema de tarifas único e bonificado activado pola Xunta de Galicia

Sanxenxo, 14 de xuño de 2023.- Sanxenxo estreará o próximo 22 de xuño e ata o 8 de setembro un novo servizo urbano de transporte público municipal cunha lanzadeira e dúas liñas circulares. O alcalde, Telmo Martín; o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente de Monbus, Raúl López, en representación da UTE XG-626, asinaron esta semana un convenio para a implantación este servizo, integrado no sistema de tarifas único e bonificado, activado pola Xunta de Galicia. O obxectivo é contribuír a reducir o uso de vehículos particulares e fomentar a mobilidade sustentable do municipio, así como a súa promoción turística.

Os usuarios das novas liñas municipais poderán beneficiarse dos descontos e vantaxes do Cartón de Mobilidade de Galicia (TMG), con bonificacións que na actualidade chegan ao 50%. Ademais, os menores de 21 anos poderán realizar 60 viaxes ao mes de modo gratuíto co Cartón Xente Nova e todas as persoas maiores de 65 anos coa TMG viaxarán gratis. O custo de implantación dos novos servizos de transporte público urbano en Sanxenxo ascende a 162.740 euros ao ano e será sufragado polo Concello. A medida desenvolverase este ano coa posibilidade de prórroga. O prezo do billete será de 1,55 euros sen desconto.

O acordo establece a implantación de dúas liñas circulares, con dous autobuses, coa igrexa de Sanxenxo como punto de inicio e fin, que percorre de forma lineal todo o municipio con 58 paradas nun tempo estimado de 50 minutos. Unha transcorrerá por Vilalonga e a outra pola Lanzada, con saída e chegada á igrexa de Sanxenxo. En total súmanse seis paradas novas con respecto ás xa existentes no municipio: Igrexa de Sanxenxo, Hotel Terraza, Paxariñas, Hotel Atlántico, Delfín Azul e Vinquiño-Tanatorio. Haberá 32 expedicións diarias, tanto de ida como de volta, con saídas cada hora desde as 8 ata as 23 horas no caso das idas, e desde as 8:30 ata as 00:30 no caso das voltas.

Ademais, porase en marcha un novo servizo de lanzadeira desde o parque empresarial de Nantes con paradas no Hotel Terraza e en Baltar (rotonda Hipercor) cunha duración estimada de 15 minutos. O Concello acondicionará unha parcela municipal próxima á subestación eléctrica como aparcadoiro gratuíto para os usuarios da lanzadeira. Haberá 32 expedicións diarias cada media hora, entre as 8 e as 23:30 horas. A través desta iniciativa búscase dar resposta as necesidades de mobilidade colectiva detectadas en Sanxenxo, conectando diversos puntos do Concello e servindo de conexión cos servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral. A medida permitirá tamén diminuír a conxestión viaria.

0
0
0
s2sdefault