O alcalde, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, visitaron esta mañá a obra
Sanxenxo, 2 de xullo de 2024.- Portonovo estrea este verán a renovada travesía que cruza o corazón comercial da vila. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez, e a deputada autonómica e concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, visitaron esta mañá a actuación xunto aos directores de obra.
A humanización da contorna foi posible grazas a un convenio conxunto entre Consellería e Concello cun investimento de 2,3 millóns de euros, dos cales a Xunta achega o 70%, é dicir, 1,6 millóns, mentres que o importe restante corre a cargo do municipio. A intervención levou a cabo nun tramo de 810 metros da estrada autonómica PO-308, entre o mercado e o cruce da Perla e o seu obxectivo era conseguir que nesta vía gañen máis protagonismo as persoas fronte aos vehículos. Para iso, delimitáronse con claridade os espazos, mediante a pavimentación da zona de peóns, da zona de tráfico e da zona de aparcadoiro.
O alcalde agradeceu a implicación da Xunta con Sanxenxo e incidiu na transformación do espazo. "Esta actuación converteu a estrada da Lanzada nun bulevar en pleno centro comercial de Portonovo o que repercute non só nos visitantes senón en todos os veciños", asegurou.
Tamén se configurou un itinerario peonil accesible cun ancho mínimo de dous metros, crear zonas de carga e descarga e espazos de descanso con xardinaría que contribúa á humanización. Ademais, para contribuír a reforzar a seguridade viaria e facilitar a fluidez de tráfico de forma ordenada, habilitáronse tres novas glorietas. O proxecto tamén se aproveitou para instalar as canalizacións subterráneas para a telefonía e para a electricidade que substitúan os actuais tendidos aéreos e renovar as redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
Pola súa banda, a conselleira María Martínez destacou o deseño do mobiliario urbano que seguro "será un prototipo e modelo de moitas outras actuacións en Galicia". Así mesmo, lembrou que son "14,8 quilómetros de sendas peonís realizadas pola Xunta de Galicia en Sanxenxo".
Finalmente, o presidente da Xunta subliñou a importancia de Sanxenxo como "un dous concellos máis importantes de España" a nivel turístico. Destacou que estas actuacións melloran "a travesía entre O Grove e Pontevedra", fomentando hábitos saudables, ordenando o tráfico e facendo o percorrido máis agradable.
TELMO MARTÍN: "ESTA ACTUACIÓN CONVERTEU A ESTRADA DA LANZADA NUN BULEVAR EN PLENO CENTRO COMERCIAL DE PORTONOVO"

powered by social2s