Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO NOVO CAMPO DE FÚTBOL DE DORRÓN ENCARAN A RECTA FINAL E ESTARÁN CONCLUÍDAS EN AGOSTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, Mocidade e Voluntariado, Marcos Guisasola, visitaron as instalacións

Sanxenxo, 5 de xullo de 2024.- As obras do novo campo de fútbol de Dorrón encaran a recta final e prevese que estean concluídas a principios de agosto. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, visitaron esta semana os traballos que, debido ás choivas do inverno, sufriron atrasos. "Dorrón contará cunhas instalacións dunha gran categoría coas que se cumprirá cunha demanda histórica desta parroquia", asegura Martín.

A partir do luns a actuación centrarase na colocación do campo de céspede sintético cunha base elástica que estará homologado pola FIFA. O terreo de xogo contará cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con dez estaciones. A iluminación da área de fútbol 11 que xa está colocada conta con torres de vinte metros de altura e cinco proxectores de 2.500 watts asimétricos. As novas instalacións contan con vestiarios, unha nova cantina, almacén, bancadas e un novo peche perimetral. A parcela exterior do campo funcionará como estacionamento con aproximadamente 24 prazas.

Cabe lembrar que é a empresa concesionaria do ciclo da auga en Sanxenxo, Espina & Delfín, a encargada da realización destas novas instalacións, como compensación polo canon xerado no anterior contrato, entre o 2020 e o 2023. Foron anos de prórroga forzosa que xeraron un importe de algo máis de 700.000 euros e que agora se invisten neste equipamento deportivo. As vantaxes de que a concesionaria asuma este compromiso permitiu acelerar os prazos e reducir os gastos de IVE e de beneficio industrial.

0
0
0
s2sdefault