Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PREPARA A LICITACIÓN PARA A HUMANIZACIÓN DE DOUS NÚCLEOS DO RURAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A mellora do Outeiro de Dorrón e a contorna da capela de San Amaro de Arra en Adina realizaranse despois do verán


Sanxenxo 15 de xullo de 2024.- O goberno prepara a licitación de dúas actuacións en senllos lugares do rural que se van a financiar mediante o Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. En liña con anteriores actuacións como o núcleo de Bordons, o lugar de O Santo en Nantes e o viario que comunica a igrexa de Noalla coa Lanzada. Agora vaise a humanizar o Outeiro de Dorrón e a contorna da capela de Arra en Adina.

A actuación de Dorrón está valorada en 488.874 € que se destinan á urbanización do núcleo rural do Outeiro, ao ensanche e mellora do camiño de O Castro, a ampliación da rede de saneamento e abastecemento de auga, o soterramento do cableado que afea a fachada dos edificios, a dotación de nova iluminación e a mellora da seguridade viaria. En definitiva, trátase de mellorar a calidade de vida dos veciños e embelecer un dos núcleos rurais con máis encanto.

Pola súa banda, para a mellora da contorna da capela de Arra vanse a destinar 192.193 €. A obra iniciarase coa demolición do actual firme e o seu posterior empedrado, a condución das augas pluviais e as escorrentías, a instalación de nova iluminación e o soterramento do cableado que afea a contorna.

A capela de San Amaro é unha xoia arquitectónica da baixa idade media que estivo adscrita ao mosteiro da Armenteira. A posta en valor do patrimonio cultural e arquitectónico é unha das prioridades da lexislatura. A conservación do patrimonio é a obrigación de calquera concello e, ademais, é un recurso turístico. Ambos os proxectos fináncianse no seu maior parte a través do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra. O Concello achega un 10% do investimento.

0
0
0
s2sdefault