Concello de Sanxenxo - O ESCRITOR FERNANDO SALGADO VOLVE A ELIXIR SANXENXO PARA PRESENTAR O SEU LIBRO "QUÉ MIRAS"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 18 de xullo de 2024.- Despois dun longo percorrido que comezou na última semana do mes de decembro do ano 2023 en Cuntis, Qué miras? preséntase de novo en Sanxenxo, mañá, ás 21 horas, na Praza do Pazo. Dani Barreiro será o encargado do apartado musical, e ademais da protagonista do libro (Susi Maquieira) e o seu autor (Fernando Salgado), o acto tamén contará coa presenza da concelleira de Educación, Nati Parada, a escritora Baia Fernández da Torre e a activista Reme Varela.

Este libro narra a historia Susi Maquieira Velay, unha muller que se tirou nunha tirolina desde o Morro de São Paulo, patinou sobre o xeo e deslizouse sobre a neve en Canadá, viviu como unha estudante en Roma, percorreu Londres e Croacia e viaxou varias veces a Canarias. Ten o carné que lle permite patronear unha embarcación náutica recreativa, pinta e garda en catro álbums os patróns debuxados durante a etapa na que se dedicou á moda e ao deseño. Encántalle a música e goza en primeira liña nos concertos dos seus artistas preferidos. Mide 110 centímetros.

"Pois non imaxinaba que eras así", tivo que escoitar máis dunha vez despois de virarse para pedirlle explicacións aos autores de comentarios sarcásticos que tivo que escoitar na rúa. "E como crees que era se non me preguntaches?", respóndelles.
Susi Maquieira naceu en Cuntis e foi a promotora da creación da Asociación Avanzar, que presidiu durante a súa traxectoria. Esta iniciativa fixo posible que decenas de persoas de varios municipios, con discapacidades físicas e psíquicas, puidesen realizar actividades formativas e lúdicas.

Superou moitas adversidades e non quere que ninguén senta mágoa nin compaixón por ela. O que pretende é facer un chamamento á sociedade para que non sinale co dedo a aquelas cuxa estatura é inferior á media, e reclama aos gobernos que invistan en investigación co obxectivo de dar unha solución os afectados pola acondroplasia.

Ademais de Cuntis e Monleras, Susi Maqueira tamén expuxo a súa experiencia en Vilagarcía, Pontevedra, Moraña, Pontecesures, Marín, Caldas, Ponteareas, Vigo e A Illa de Arousa.

0
0
0
s2sdefault