Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA O LUNS UNHA OBRA DE SANEAMENTO URXENTE PARA MELLORAR A CALIDADE DE AUGA NA CARABUXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Substituirase un tramo de 160 metros de tubaxe de saneamento e 60 metros de pluviais

Sanxenxo, 19 de xullo de 2023.- A concesionaria do servizo do saneamento e abastecemento de Sanxenxo iniciará este luns, 22 de xullo, unha obra urxente en rúa Profesor Hermida para mellorar a calidade da auga na praia da Carabuxeira. Nun estudo realizado pola empresa, tras rexistrar anomalías nas analíticas, detectáronse filtracións nas tubaxes de formigón que poderían estar a alterar a calidade da auga do areal. Os traballos consistirán na substitución dun tramo de 160 metros de tubaxe de PVC de saneamento e 60 metros, de pluviais. Unha actuación que podería prolongarse ata dúas semanas e que ten un custo que rolda os 85.000 euros.

Durante o mes de xuño tamén se realizaron actuacións de saneamento na zona de Bordóns despois de que a concesionaria, a petición do Concello, realizará inspeccións tanto nas redes de saneamento como a rede de augas pluviais. Como resultado das revisións, localizouse un punto de filtración na estrada PO-308, no pozo situado nas proximidades da desembocadura do rego de Bordóns, que presentaba unha filtración desde o fondo do pozo ao rego de Bordóns. Esta filtración foi emendada de forma inmediata, mediante demolición do fondo do pozo e reconstrución do mesmo.

Tamén se localizou un punto de infiltración menor na estrada EP-9201, onde se apreciaba unha leve entrada de augas residuais á rede de augas pluviais. Da mesma maneira, procedeuse á demolición do fondo de pozo e á súa reconstrución. Durante as semanas seguintes ás reparacións realizadas, a empresa recolleu mostras do estado da auga da mar na praia de Nanín con resultados favorables.

0
0
0
s2sdefault