Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL REXISTRA NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO UN TOTAL DE 158 OBXECTOS PERDIDOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Gran cantidade de carteiras con diñeiro, chaves, tablets, pulseiras e ata un lavalouzas figuran no rexistro de artigos

Sanxenxo, 21 de xullo de 2023.- A Policía Local de Sanxenxo recolleu no primeiro semestre do ano un total de 158 obxectos perdidos dos que 77 puideron ser devoltos aos seus donos e 81 seguen aínda en dependencias policiais. Alí permanecerán ata un máximo de 24 meses antes de destruílos ou doalos a algún colectivo social.

Entre os artigos máis numerosos figuran as carteiras e moedeiros algúns con importantes sumas de diñeiro, máis de mil euros, que se devolven aos seus propietarios. "Moitos deles sorpréndense coa honradez da xente que atopan as súas carteiras. Non esperan recuperar máis aló que a documentación e levan a sorpresa porque teñen todo o diñeiro dentro", asegura a axente, Luisa Fariña.

As carteiras son especialmente numerosas na listaxe de artigos extraviados, nos que tamén figuran bolsos, chaves, paraugas, tablets, computadores, móbiles, mochilas e ata un lavalouzas perfectamente embalado nun carriño de carga que apareceu nunha pista próxima ao colexio Abrente e que xa foi reclamado.

A Policía Local recomenda que se preste atención ao abandono de obxectos persoais en espazos públicos e que se manteñan vixiantes en zonas con moita xente ante un posible furto. As zonas onde se detecta un maior número de obxectos perdidos son os centros das vilas de Portonovo, Sanxenxo e, agora no verán, nas praias.

0
0
0
s2sdefault