Concello de Sanxenxo - O NOVO CAMPO DE FÚTBOL DE DORRÓN ESTARÁ CONCLUÍDO A MEDIADOS DE AGOSTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, visitou esta mañá a obra que está pendente de remates en vestiarios, varandas e mobiliario

Sanxenxo, 26 de xullo de 2024.- Os traballos do novo campo de fútbol de Dorrón concluirán a mediados de agosto. Así o confirmou esta mañá o alcalde, Telmo Martín, durante unha visita ás obras das novas instalacións. "Estamos moi contentos de que as obras estean concluindo despois dun inverno duro e de moita choiva que retrasou o remate destas magníficas instalacións deportivas", asegurou o alcalde. Trátase dunha vella demanda da parroquia que como a senda do Río Pintillón será unha realidade en apenas dúas semanas. "Foi un acerto paralizar a obra no seu momento. Creo que este é ou campo de fútbol que quere o Concello e que quere Dorrón", dixo.

A empresa concesionaria do ciclo da auga foi a encargada da realización destas novas instalacións, que roldan o millón de euros, como compensación polo canon xerado no anterior contrato, entre o 2020 e o 2023. A obra contempla a dotación de céspede de última xeración para a práctica de fútbol 11 e 7. Ademais, acondicionouse a parcela exterior do campo como estacionamento.

O terreo de xogo conta con céspede sintético de base elástica homologado pola FIFA, cunha rede de rega con seis canóns de rotación lenta e constante con 10 estacións. A iluminación do campo de fútbol 11 realízase con torres de 20 metros de altura e cinco proxectores para conseguir unha iluminación óptimo para a práctica do fútbol. Colocáronse redes recolle balóns nos fondos do campo cunha altura de 6 e 4 metros nos fondos de fútbol 7.

Ademais, o goberno ten previsto renovar os terreos de xogo do campo de fútbol de Noalla e de Baltar de arriba ao longo deste ano. Estas actuacións unidas á recente reforma integral do pavillón de Baltar, o peche do pavillón de Nantes e a substitución do terreo de xogo do campo de fútbol do Revel completa a lista de actuacións nas instalacións deportivas municipais.

0
0
0
s2sdefault