A edil de Cultura e Eventos, Elena Torres, o humorista Pepo Suevos e o músico vilalongués, Dani Dopazo, presentaron esta mañá a cita
Sanxenxo, 29 de xullo de 2024.- O espectáculo "Portugal no camiño" este mércores na Praza do Mar de Sanxenxo. A cita, que se celebrará a partir das 22:30 horas e con entrada libre, presentouse esta mañá no salón de plenos do Concello. A edil de Cultura e Eventos, Elena Torres; o humorista Pepo Suevos e o músico vilalongués, Dani Dopazo, convidaron a veciños e visitantes a asistir ao espectáculo no que actuarán Lucía Pérez, Zé Amaro, Manquiña, A Oca Band e outros artistas sorpresa. "Queremos facer unha homenaxe a todos os portugueses que ano tras ano nos visitan e esta é unha boa maneira de facelo", explicou Torres.
O humorista Pepo Suevos explicou que do que se trata é de "poñer en valor" a relación entre galegos e portugueses. "A música é o fío condutor do camiño e dunha relación duradeira no tempo entre portugueses e galegos", dixo. "Trátase de facer unha festa popular, unha foliada masiva de galegos e portugueses", asegurou.
Pola súa banda, Dani Dopazo destacou "a grande mistura entre as dúas rutas do Camiño e a música que vai facer que a xente que asista se vaia cun gran sabor de boca".
O ESPECTÁCULO "PORTUGAL NO CAMIÑO" ESTREARASE ESTE MÉRCORES NA PRAZA DO MAR DE SANXENXO

powered by social2s