Concello de Sanxenxo - ARRA CONVÉRTESE ESTA FIN DE SEMANA NO EPICENTRO DE DEGUSTACIÓN GASTRONÓMICA E DE PINTURA AO AIRE LIBRE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Montalvo acollerá desde este venres a XXIII Feira Gastronómica de Produtos Galegos

Sanxenxo, 30 de xullo de 2024.- Arra volve ser desde este venres epicentro da gastronomía galega coa XXIII Feira Gastronómica de Produtos Galegos, organizada pola Asociación Cultural San Cayetano, na praia de Montalvo. Baixo a gran carpa poderá degustarse churrasco, arroz, empanada, mexillóns, lagostinos, vieiras, zamburiñas, polbo... a prezos populares que non excedan os 14 euros.

O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acompañado do presidente da Asociación San Cayetano de Arra, Bruno Vidal, presentaron esta mañá o cartel da cita gastronómica e a do certame de pintura ao aire libre. "Dúas boas escusas para visitar esta fin de semana Arra, a comida e a pintura. Unha proposta interesante que ano tras ano atrae a centos de persoas ao noso municipio", asegurou Deza.

A apertura das casetas de degustación realizarase este venres, ás 12:30 do mesmo xeito que os postos de artesanía. Ás 23 horas os presentes poderán gozar coa actuación do grupo musical Rockandprol. O sábado, á mesma hora, volverán abrirse as casetas de degustación e artesanía e dará inicio a Exposición de Artesanía Galega. Ás 13 horas oficiarase a misa cantada na capela de Arra e ás 14 horas terá lugar un taller de artesanía.

As casetas de degustación volverán abrirse ao público ás 20 horas e as 21 horas haberá de novo un taller de artesanía. Ás 22 horas comezará o IX Serán dos Loureiros coa actuación do grupo folclórico Soalleira e Os Gatiños de Portonovo. Ás doce da noite, haberá degustación gratuíta de queimada.

A oferta culinaria continuará o domingo, unha xornada na que se celebrará o IX Certame de Pintura Rápida "Arra como Antiga Parroquia". O prazo de inscricións para participar mantense aberto e repartiranse 4.600 euros en premios en metálico entre os finalistas.

"Este ano incrementamos a contía dos premios e xa contamos con 19 preinscritos aínda que moitos fanno o propio día", asegura Vidal.

A inscrición é gratuíta e debe realizarse previamente no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.  ou o mesmo día do certame no selado de lenzos, en horario de 9:00 a 11:00 horas, no Priorado de Arra. A organización obsequiará ás primeiras 70 inscricións con avituallamiento.

Os participantes poderán elixir calquera lugar da parroquia de Arra e a súa contorna que este ano se amplía ata a praia de Silgar. O estilo e a técnica son libres. O obxectivo é pór en valor a riqueza paisaxística e cultural da parroquia de Arra, polo que as obras deberán ser realizadas in situ. O material necesario para desenvolver a actividade correrá por conta de cada artista e os soportes, que terán unha dimensión máxima de 100x81 cm, deberán ser a unha soa cor e sen texturas.

O concurso consta de tres categorías: adulta (desde os 17 anos), local e infantil. Na categoría adulta, o primeiro premio está dotado con 1.200 euros; o segundo, con 800; o terceiro e o cuarto, con 600 e 400 respectivamente e ademais, entregaranse catro accésits de 100 euros. Doutra banda, na categoría entregaranse os premios Artista da Comarca, dotados con 600 euros o primeiro e 300 e 150 o segundo e o terceiro.

Por último, na categoría infantil, dividiranse entre os concursantes de ata 12 anos (o primeiro recibirá un vale de 100 euros e o segundo, de 50) e dos de 13 a 16 anos, dotado o primeiro cun vale de 200 euros e o segundo, con outro de 100.

0
0
0
s2sdefault