Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ A ÚLTIMA ETAPA DA VOLTA CICLISTA A GALICIA O PRÓXIMO 15 DE SETEMBRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


Os concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez, mantiveron un encontro de traballo

Sanxenxo, 30 de xullo de 2024.- Sanxenxo acollerá a última etapa da Volta Ciclista a Galicia o próximo 15 de setembro, xusto unha fin de semana despois da XXXVI Concentración Internacional Moto Turística Rías Baixas en Baltar. Trátase da cuarta e última etapa da proba na que se decidirá o gañador da Volta tras un percorrido de 133 quilómetros polas parroquias de Adina, Noalla, Vilalonga, Dorrón, Bordóns e Padriñán.

Os concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez, mantiveron un encontro de traballo con Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo, para perfilar as necesidades da proba que sairá ás 10 horas do porto deportivo de Sanxenxo e culminará no porto de Portonovo.

En total, participarán 18 equipos de distintos puntos de España, 8 galegos e un portugués que formarán unha caravana multicolor con 300 deportistas. A previsión estimada desde a organización é a ocupación de ao redor de 600 prazas hostaleiras.

Do dispositivo de seguridade formarán parte 80 efectivos, 20 moto enlaces, dúas ambulancias medicalizadas, así como a Garda Civil, a Policía Local e o servizo de Emerxencias Sanxenxo. A etapa retransmitirase vía streaming e con resumos en Teledeporte e a TVG. Unha cita coa que se pon o broche de ouro de probas deportivas este verán en Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault