Concello de Sanxenxo - A CAMPAÑA "GALICIA SABE AMAR" ARRINCA EN SANXENXO CON CATRO PUNTOS DE DEGUSTACIÓN GASTRONÓMICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os foodtrucks estarán na Praza dos Barcos, o parque de Panadeira, a Praza Pública de Vilaloga e no mercado de abastos de Portonovo

Sanxenxo, 1 de agosto de 2024.- A campaña "Galicia sabe amar" arrincou esta mañá en Sanxenxo na Praza dos Barcos con propostas culinarias gratuítas realizadas a base de produtos do mar e da terra. O conselleiro de Mar, Alfonso Villares, acompañado do alcalde, Telmo Martín; o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e varios membros do goberno, inaugurou unha cita que levará as delicias do mar a distintos puntos.

En Sanxenxo a campaña estará presente en catro puntos diferentes. Ademais, da Praza dos Barcos, os foodtrucks desprazaranse ata o parque de Panadeira, a Praza Pública de Vilalonga e o mercado de abastos de Portonovo. O obxectivo é promocionar os distintos produtos do mar entre veciños e visitantes.

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu esta mañá "que o arranque desta campaña sexa en Sanxenxo e que sexa cando nos convertemos na terceira cidade de Galicia". Na mesma liña, animou a todos os presentes a gozar das distintas tapas.

Pola súa banda, o conselleiro explicou que "Sanxenxo é o escenario idóneo para arrincar unha campaña que chegará aos distintos rincóns de España". Lembrou que en Galicia hai "máis de 60 lonxas e máis de 300 produtos diferentes caracterizados pola súa calidade e polos beneficios para a nosa saúde". "O peixe é fonte de calidade e fonte dunha proteína cunha moi baixa pegada de carbono e hídrica".

"Galicia sabe a mar" é unha campaña da Xunta de Galicia que nace no verán de 2021 para animar á cidadanía a través da ironía galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e pór en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo. A campaña durará 20 meses e centrarase na comunidade galega.

0
0
0
s2sdefault