Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A EXECUCIÓN DO CENTRO DA CULTURA GASTRONÓMICA RÍAS BAIXAS NO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto sairá a concurso por un valor de 422.638 euros e un prazo de execución de cinco meses

Sanxenxo, 12 de agosto de 2024.- O Concello de Sanxenxo sacou esta mañá a licitación a execución de proxecto museográfico do Centro de Cultura Gastronómica Rías Baixas no Pazo de Quintáns. O prego comprende a planificación, xestión, deseño, elaboración, execución e posta en marcha das tarefas e actividades para a musealización do Pazo. O proxecto que sairá a concurso por un valor de 422.638 euros será financiado con fondos europeos Next Genration e fondos municipais. O prazo de execución é de cinco meses.

Con este proxecto quedaría concluída a rehabilitación e posta en marcha do Pazo de Quintáns e define nove espazos diferentes:

  •  Entrada

No exterior situarase un gran panel metálico co nome e o logo do centro en letras corpóreas coa finalidade de dar a benvida ao visitante. Igualmente, disporase rotulación para identificar a zona de bar/restaurante e tenda e anunciar os seus horarios de apertura, así como a zona do centro, tamén con indicación dos seus horarios.

  •  Bar - restaurante - tenda. Os produtos estrela de Rías Baixas

Será un espazo de goce gastronómico e para degustar e comprar produtos gastronómicos locais de calidade. Para iso, ademais do mobiliario existente de hostalaría, incorporaranse elementos museográficos que axudarán ao visitante a coñecer e degustar os produtos estrela de Rías Baixas: os viños, o marisco, o peixe, os queixos e os produtos da horta do Salnés. Na zona da tenda incorporarase un módulo formado por caixas de madeira independentes montadas sobre unha caixa de luz que permitirá expor os produtos en venda.

  •  Espazo de recepción. Rías Baixas e gastronomía

O espazo de recepción será un espazo de acollida e de introdución á visita.

  •  Aula de presentación de produtos

Este espazo disporá do equipamento necesario para converterse nun espazo de presentación de produtos ou de celebración de actividades como conferencias, seminarios ou cursos de formación.

  •  Os produtos de tempada

Este espazo dedicarase a mostrar o ciclo biolóxico dos alimentos, a súa importancia na gastronomía tradicional e a necesidade de recuperar este hábito para a sustentabilidade do sistema alimentario e o aforro enerxético.

  •  A dieta atlántica: gastronomía e saúde

Nesta sala difundirase o concepto de dieta atlántica, caracterizada polo protagonismo de peixes, mariscos, froitas e hortalizas, pero tamén lácteos, aceite de oliva e consumo moderado de carne

  •  Paisaxes con cheiro e sabor

Na planta primeira e no espazo máis amplo do pazo situarase unha das temáticas nucleares do centro, fundamentada en relacionar as paisaxes de Rías Baixas, a explotación agropecuaria e pesqueira coa alimentación e a gastronomía. Desta forma os contidos distribuiranse en cinco apartados: Mar, Costa e rías, Cultivos e viñedos e Bosques e ríos.

  •  A alquimia dos fogóns: da lareira á indución

Esta temática situarase na zona onde existe a lareira do propio pazo e dedicarase a mostrar a evolución tecnolóxica, culinaria, cultural e social que se produciu ao redor da acción de cociñar/cocer os alimentos. Un moble formado por unha tarima e en elemento frontal en forma de "L" servirá para acoller distintos tipos de cociña por orde cronolóxica: cociña económica, cociña de gas e cociña de indución. A lareira representará o primeiro estadio desta evolución tipológica.

  •  Aula de gastronomía / Entre tradición e innovación
    Este espazo terá certa versatilidade, pois será un espazo museográfico máis, pero á vez utilizarase como aula de gastronomía preparada para realizar demostracións de cociña, catas de produtos ou cursos de cociña.
0
0
0
s2sdefault