Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DO NOVO MERCADO DE SANXENXO AVANZAN CO FORMIGONADO DO TEITO DO PASO INFERIOR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 19 de agosto de 2024.- Os traballos do novo mercado de Sanxenxo avanzan co formigonado do teito do paso inferior, elemento principal da primeira fase da obra. Tras a colocación de 77 pantallas de contención do terreo e a escavación de case cinco metros de profundidade, a actuación céntrase agora na estrutura do soto, o parking e o túnel por onde se cruzará un tramo da Rúa Madrid. Ao longo destes meses acometéronse as canalizacións de cableado eléctrico, as comunicacións e a rede de sumidoiros.


Para esta obra, a Xunta achegou 1 millón de euros, mentres que o Concello licitou, executa os traballos e achega o investimento restante, o que supón algo máis de 1,3 millóns. O obxectivo do acordo é a humanización da contorna da praza de abastos mediante o soterramento do tráfico na Rúa de Madrid e até a súa intersección coa estrada autonómica PO-308, que une Pontevedra coa Lanzada.


O Concello convocou un concurso de ideas para esta execución da que saíu gañadora "Os luns ao sol", que ademais da dotación dese novo equipamento municipal, ofrece solución aos problemas de circulación na zona, mellorando a fluidez do tráfico e achegando seguridade viaria.
Esta intervención permite reducir tamén o espazo urbano destinado á circulación de vehículos e curmá a rexeneración de espazos públicos nos que os peóns gañen protagonismo. As actuacións recollidas neste acordo centraranse na execución dun paso inferior para o tráfico da Rúa de Madrid, desde o que se dará entrada ao aparcadoiro do novo edificio do mercado. Tamén se reurbanizará esa mesma rúa, desde a Rúa Panadeira até o seu encontro coa glorieta de intersección coa Rúa Progreso.


Os traballos continuaron durante o verán e está previsto que a primeira fase conclúa a principios do mes de outubro. O Concello lamenta as molestias causadas a veciños e comerciantes da zona durante a obra, pero considera que o resultado do novo espazo, merecerá a pena e redundará nun beneficio para todos.

0
0
0
s2sdefault