Concello de Sanxenxo - A MÚSICA MARCA ESTE SÁBADO O INICIO DAS FESTAS PATRONAIS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O domingo, coincidindo co Día do Turista, repartiranse 500 quilos de sardiñas de forma gratuíta na contorna portuaria

Sanxenxo, 22 de agosto de 2024.- A música marca este sábado o inicio das festas patronais de Sanxenxo. A programación arrincará ás 12:00 horas coa actuación de @ de Viño na Praza Pascual Veiga. E xa ás 20 horas, a Banda de Música de Sanxenxo e o grupo de baile Soalleira ofrecerán "Herdanzas da Nosa Terra", un concerto no que se fusionará o baile coa música tradicional galega con doce temas diferentes e durante aproximadamente unha hora de duración. Pola noite, a partir das 22 horas a Praza do Barcos acollerá o concerto Luís Fercán onde presentará o seu novo disco "Postales Perdidas". A combinación do carisma deste cantautor galego e a profundidade das súas letras cativou á súa audiencia, creando unha conexión especial coa súa música.

O domingo, 25 de agosto, día de San Xenxo, Sanxenxo celebra o Día do Turista cunha sardiñada no recinto portuario con máis de 500 quilos de sardiñas a partir das 12:30 horas. Unha forma de homenaxear aos miles de visitantes que ano tras ano elixen o municipio como destino vacacional. Unha hora antes, na contorna da igrexa poderase gozar da Feira de Produtos Artesáns onde diversos artistas e produtores locais exporán os seus artigos. Ás 13:30 horas a Praza de Pascual Veiga acolle o tradicional concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Xa ás 19 horas, celebrarase a misa e procesión con tirada de lumes en honra a San Xenxo. Ás 21 horas, a Asociación Abiñadoira actuará na Praza de Pascual Veiga. A partir das 22:30 horas, celébrase a verbena coa Oca Band e Claxxon.

A programación continuará até o 5 de setembro cando a celebración da Virxe da Carmen poñan o broche de ouro a once días de festas.

0
0
0
s2sdefault