Concello de Sanxenxo - A XXIV MILLA VILA DE SANXENXO ROLDA XA OS 300 INSCRITOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proba partirá da Praza dos Barcos e parte da súa recadación irá destinada á Asociación Neen@s Sanxenxo

Sanxenxo, 28 de agosto de 2024.- A apenas dous días do peche de inscricións, a XXIV Milla Vila de Sanxenxo rolda xa os 300 inscritos. A proba sairá, por primeira vez, da Praza dos Barcos, ás 12 horas para percorrer desde 400 a 1.609 metros do Paseo de Silgar dependendo da categoría. Non será o único cambio desta edición que amplía a tres as categorías de veteranos. Os interesados en participar na proba deben inscribirse en https://gl.deporticket.com/web-evento/10287-xxiv-milla-vila-de-sanxenxo antes do 30 de agosto.

O concelleiro de Deportes, Voluntariado e Mocidade, Marcos Guisasola, presentou a proba acompañado de Montse Fernández e Sandra Fernández, da Asociación Neen@s, colectivo ao que se destinará parte da recadación.

Cada corredor recibirá unha camiseta e o diñeiro recadado será destinado á Asociación Neen@s Sanxenxo que presta atención a familias con nenos que teñen necesidades especiais de apoio educativo. A presidenta do colectivo, Montse Fernández, agradece que un ano máis parte da recadación da Milla Vila de Sanxenxo destínese a unha asociación que vela polo benestar e a atención de menores con necesidades educativas especiais. Na actualidade son 300 socios e desde o colectivo préstase unha atención integral ás familias desde asesoramento ata tratamento a través de convenio con gabinetes de intervención (logopedia, psicoloxía, terapia ocupacional...). Ademais, "para chegar onde as familias moitas veces non chegan puxemos en marcha unhas bolsas coas que axudamos no financiamento de terapias".

Co obxectivo de profundar no carácter lúdico-deportivo da proba, elimínase a categoría Elite. Repartiranse trofeos para os tres primeiros clasificados en cada categoría e todos os participantes recibirán unha medalla conmemorativa da cita. A orde de saída das probas, desde as 12 ás 13 horas, será o seguinte: Prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, junior, afeccionados e veteranos (A, B e C).

0
0
0
s2sdefault