Concello de Sanxenxo - A SEAGA INSPECCIONARÁ A XESTIÓN DA BIOMASA DE MÁIS DE 16.000 PARCELAS EN SANXENXO PARA A PREVENCIÓN DE INCENDIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello lembra a obrigación de manter limpas as franxas fixadas ao redor de vivendas ou núcleos de poboación

Sanxenxo, 5 de setembro de 2024.- A Conselleria de Medio Rural, a través do Seaga (Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos), iniciou esta semana a inspección das máis de 16.000 parcelas que comprenden a franxa secundaria de prevención de incendios forestais. Os propietarios que incumpran os criterios de xestión de biomasa serán notificados para que procedan á súa limpeza e, no caso de que de persista, no seu incumprimento realizará unha execución subsidiaria na cal os custos serán abonados polos propietarios, paralelamente á incoación dun procedemento sancionador.

A acción forma parte do convenio subscrito entre Xunta, Federación Galega de Municipios e Provincias e Seaga para a prevención de incendios forestais ao que está adherido o Concello de Sanxenxo. O plan municipal detalla cada leira afectada coas referencias catastrais, a superficie total e a que ha de permanecer libre de maleza.

O Concello de Sanxenxo lembra a obrigación de manter limpas as franxas fixadas ao redor de vivendas ou núcleos de poboación, a fin de protexelos do lume. O Plan de Prevención contra incendios que entrou en vigor en 2022 contempla a creación de franxas secundarias, é dicir, áreas de seguridade que se separen 50 metros do límite xeográfico do núcleo rural, que deben estar libres de maleza e de especies pirófitas.

A maiores da franxa perimetral de 50 metros dos chans urbanos, de núcleo rural e urbanizable, xestionarase tamén a biomasa que se sitúa ao redor das edificacións destinadas ás persoas, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, zonas de cámping, gasolineiras e parques industriais situados a menos de 400 metros de monte. Segundo explicaron desde o Concello de Sanxenxo, esta acción tamén levará a cabo ao redor de edificacións que se atopan illadas, que estean destinadas ás persoas en chan rústico, e situadas a máis de 400 metros do monte.

0
0
0
s2sdefault