Concello de Sanxenxo - SANXENXO SÚMASE Á LOITA CONTRA O MOSQUITO TIGRE E COLOCA UNHA TRAMPA NA EDAR DE PAXARIÑAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 6 de setembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo, a través da Concellaría de Medio Ambiente colabora coa Rede Galega de Vectores, conformada pola Consellería de Sanidade e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, na detección de mosquito tigre, a través dunha trampa colocada na EDAR municipal.

Desde agosto do pasado ano detectouse a presenza por primeira vez en Galicia do mosquito tigre (Aedes albopictus) en varios concellos da ría de Vigo. O insecto en concreto é unha especie exótica invasora orixinaria do sueste asiático que pode chegar a transmitir algunhas enfermidades como as producidas polos virus Chikungunya, dengue ou Zika.

Así, ante a posibilidade de que poida chegar a establecerse o mosquito tigre en Sanxenxo, a Regavivec solicitou a colaboración do Concello na loita contra este insecto. A administración local colaborará coa asociación na colocación de trampas para capturar este insecto, contribuíndo a determinar a abundancia de vectores que poidan transmitir patógenos que afecten a saúde humana, avaliar o risco de transmisión á poboación e determinar decisións para reducir as poboacións e evitar, así, a transmisión de patógenos á poboación.

Grazas a esta colaboración poderíase coñecer con prema a distribución dos mosquitos e adiantarnos así á adopción de medidas de prevención e protección, co fin de evitar a súa reprodución, dispersión e instalación nos diferentes concellos de Galicia.

Sanxenxo aposta por esta colaboración, que vai redundar finalmente nunha mellora da saúde e o benestar da poboación.

0
0
0
s2sdefault