Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DE MELLORA DA PRAZA DE ABASTOS DE PORTONOVO ARRINCAN O VINDEIRO LUNS POLAS TARDES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 9 de setembro de 2024.- A concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, e o concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, reuníronse onte cos vendedores do mercado de abastos de Portonovo para comunicarlles o inicio das obras de mellora que se van a acometer a partir do próximo luns, en horario de tarde. A duración dos traballos estímase nun mes, pero tratarase de recortar "na medida do posible". Os primeiros quince días realizaranse pola tarde, polo que non afectará á apertura da praza, e nos seguintes días terase que pechar "o tempo estritamente necesario e tentarase que sexa menos de quince días", segundo explicou Martínez aos placeiros.

As actuacións previstas roldan os 50.000 euros e, parte delas, serán financiadas cunha liña de axudas do GALP. O goberno local busca con este investimento mellorar a eficiencia enerxética e a visión dos produtos a través da instalación de luces led no interior do mercado. Ademais, co obxectivo de conseguir unha presión óptima e un consumo racional da auga realizaranse instalacións individualizadas nas bancadas centrais do mercado. Colocaranse mosquiteras e repararanse todas as portas que contarán cun servizo de mantemento por un ano. Aproveitando a mellora, realizarase tamén unha limpeza integral do espazo.

A axuda tamén serviu para realizar actividades na praza coa comunidade escolar, así como cos visitantes e turistas que acoden a Sanxenxo durante os 365 días do ano para coñecer as vantaxes de comprar nunha praza fronte á venda en grandes superficies. Ademais, colocouse na entrada da praza un panel informativo que pon en valor a actividade.

O edificio que conta con máis de 40 anos de antigüidade conta con sete postos de venda de verduras locais, dúas bancadas de marisco, nove de peixe, así como dous postos fixos de carnicería, catro de marisco, tres de peixe, un de produtos galegos, unha floraría e un de pan.

O Concello de Sanxenxo dotará á praza de abastos de Portonovo e a de Sanxenxo dun manual de boas prácticas de hixiene e un sistema de análise de puntos de control. Ademais, este ano acometeuse con fondos municipais o acondicionamento da cámara de frío da praza co azulejado das súas paredes, así como a substitución do compresor de frío.

Próxima convocatoria de axudas
Martínez explicoulles que, na liña de seguir mellorando o mercado, na seguinte convocatoria de axudas do GALP está previsto unha nova actuación de eficiencia enerxética no edificio coa reparación da cuberta na zona de verdulería e frutería, así como a mellora da xestión dos residuos. De todos os xeitos, agora realizarase unha limpeza dos canlóns e pequenas reparacións.

0
0
0
s2sdefault