Concello de Sanxenxo - PORTONOVO RENDE HOMENAXE AOS PRODUTOS DO MAR COA VI FESTA DA EMPANADA MARIÑEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita terá lugar este sábado e domingo nas instalacións da lonxa cunha variada programación de actividades

Sanxenxo, 12 de setembro de 2024.- Portonovo rende homenaxe esta fin de semana aos produtos do mar coa VI Festa da Empanada Mariñeira. A cita está organizada un ano máis polo Club de Piragüismo de Portonovo e a Confraría de Pescadores San Roque en colaboración co Concello de Sanxenxo e celebrarase na lonxa. Un total de 20 recheos diferentes que van desde as algas de Cangas ata os berberechos de Carril ou, a novidade desta edición, o Timbal de Praiolo do Grove poderán degustarse a prezos populares e acompañados de ata seis firmas de viño diferentes.

O presidente do Club de Piragüismo de Portonovo, Alberto Rodríguez, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, acompañados dos edís de Turismo, Juan Deza, e de Facenda, Paula Martínez, presentaron esta mañá a cita na sala de poxas da lonxa.

A apertura dos postos de degustación realizarase o sábado,14, ás a partir das 12:15 horas, e será ás 13 horas cando se realice a inauguración coas autoridades. Ás 13:15 horas, haberá un showcooking de Millo Corvo. Xa pola tarde, ás 17 horas, celebrarase o concurso familiar "Pequeempanada" para nenos de 5 a 12 anos, acompañado dun adulto, e impartido por Rocío Garrido. Ás 20:30 horas, haberá unha actuación musical do grupo M80 e ás 23:30 horas procederase ao peche das instalacións.

O domingo, 15, abriranse as instalacións a partir das 12 horas. Media hora máis tarde realizarase unha Maridaxe de Empanada Mariñeira con viños galegos. Xa pola tarde, ás 18 horas, terá lugar o VI Concurso da Empanada Mariñeira no que se sortearán entre as tres mellores empanadas unha estancia de dúas noites nun hotel de Sanxenxo, unha cea para dúas persoas no restaurante O Pescador e dous accesos a un spa nun hotel de Sanxenxo. A todos os participantes entregaráselles un vale para unha ración de empanada e bebida. A inscrición será gratuíta e o requisito é elaborar unha empanada con produtos co selo PescadeRías. Poderase realizar de trigo, millo ou en timbal cun peso mínimo de 1 quilogramo.
A partir das 19:30 horas, estrearase "Portonovo tamén canta", unha homenaxe ao artista local Manuel Uhía e a interpretación do himno de Portonovo "Os meus amores" por todos os asistentes. Ao longo destes dous días, o recinto da festa contará con dúas exposicións, unha de Ollares de Portonovo sobre Embarcacións Tradicionais e outra sobre aparellos de pesca.

0
0
0
s2sdefault