Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 32.018 VIAXEIROS UTILIZARON O SERVIZO DE TRANSPORTE PÚBLICO MUNICIPAL ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo puxo en marcha por primeira vez dúas liñas circulares e unha liña lanzadeira que tiveron unha media de 405 usuarios diarios

Sanxenxo, 12 de setembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo fai un balance moi positivo da creación do primeiro servizo de transporte público municipal. En colaboración coa empresa concesionaria Monbus e o departamento de Mobilidade do goberno galego, implantouse este servizo, integrado no sistema de tarifas único e bonificado da Xunta, desde o 22 de xuño ata o 8 de setembro con dúas liñas circulares e un bus lanzadeira.

Nos dous meses e medio que as tres liñas estiveron en servizo transportaron a 32.018 viaxeiros. Como era previsible o mes de agosto suma o maior número, en concreto 15.523 viaxeiros, mentres en xullo foron 12.804. Agosto concentra a semana con máis usuarios do servizo, en concreto 3.969, entre o día 3 e o 9 de agosto. Tamén o día con máis viaxeiros corresponde ao xoves 8 de agosto con 843.

O goberno considera que este servizo contribuíu ao obxectivo de redución do uso de vehículos particulares e fomentou unha mobilidade máis sustentable no municipio, á vez que prestaba un servizo a aqueles veciños que carecen de vehículo propio. "Trátase dun servizo que veu para quedar e para os vindeiros veráns estudaranse novas fórmulas e melloras. Cremos que o transporte público é a solución aos problemas puntuais de tráfico na tempada estival na que medra de forma exponencial a poboación", explica Telmo Martín.

A media diaria nos 79 días que durou o servizo foi de 405 viaxeiros. As dúas liñas de bus circular suman 29.528 usuarios e, a pesar de que a cifra da lanzadeira, que conectaba o parque empresarial con Sanxenxo e Portonovo, foi moi inferior alcanzou neste período os 2.490 viaxeiros.

0
0
0
s2sdefault