Concello de Sanxenxo - AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN ENTRE O MIRADOIRO DA PEIXEIRA E O CAMPO DE SAN ROQUE COMEZARÁN ESTE LUNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 13 de setembro de 2024.- O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Servizos, Yago Torres, visitaron esta mañá o miradoiro da Peixeira e a súa conexión co campo de San Roque onde está previsto que o vindeiro luns comecen os traballos. O alcalde, acompañado dos técnicos da empresa e do proxecto percorreu o espazo e atendeu aos veciños e veciñas que teñen a súa vivenda no ámbito de actuación da obra.

Os accesos a garaxes estarán garantidos durante a obra, exceptos cortes puntuais, e o Concello habilitará a partir de mediados de outubro o aparcadoiro da Perla só para residentes para facilitar o estacionamento a veciños que viven no casco antigo da vila.

A empresa Misturas, Obras e Proxectos será a encargada de executar os traballos por case 943.000 euros. Unha actuación que abarca unha superficie total de 3.100 metros. A Deputación de Pontevedra asume o 80% do custo total da obra, a través do programa de infraestruturas e dotacións singulares (PON2030), mentres que o Concello de Sanxenxo pagará o 20% restante.

Recuperar a fachada marítima do emblemático miradoiro portonovés da Peixeira e humanizar a conexión co campo de San Roque son dous dos obxectivos da actuación. A intención é que a praza e a fronte marítima reconecten coa súa orixe. Así, o proxecto contempla unha serie de plataformas, enlazadas mediante ramplas accesibles e escaleiras, que conectarán de forma directa a Praza de San Roque e a Avenida de Pontevedra.

Tanto as vivendas como a parte alta do núcleo antigo de Portonovo veranse beneficiadas por unha accesibilidade universal e inclusiva. O protagonismo do espazo será para o peón, polo que o tráfico rodado quedará relegado a un segundo plano mediante estratexias de acougado de tráfico, colocando badenes na entrada e saída da zona.

No viario da Avenida de Pontevedra, o único con acceso rodado, limítase o paso do vehículo a un carril dunha soa dirección. Dentro dos obxectivos do proxecto atópase a eliminación, na medida do posible, das barreiras arquitectónicas, visuais e ambientais.

0
0
0
s2sdefault