Concello de Sanxenxo - O COMERCIO DE SANXENXO TRASLADA ESTA FIN DE SEMANA A SÚA OFERTA Á PRAZA DOS BARCOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Máis dunha vintena de establecementos participan na cita que inclúe polas tardes, de 18 a 20 horas, unha programación de volta ao Cole

Sanxenxo, 13 de setembro de 2024.- O comercio de Sanxenxo traslada esta fin de semana a súa oferta á Praza dos Barcos con motivo da Feira de Oportunidades organizada polo Centro Comercial Urbano Entretendas en colaboración co Concello e a Xunta de Galicia.

A tenente de alcalde, María Deza, xunto á concelleira de Economía, Paula Martínez, visitaron esta mañá acompañadas do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, e o presidente de Entretendas, Julio Presas, os distintos expositores con motivo da inauguración da cita.

Presas convidou tanto a visitantes como veciños a "percorrer a nosa feira nunha localización privilexiada" para beneficiarse duns descontos que van desde o 50 a mesmo o 70%. "Nas tardes de hoxe e de mañá, de 18 a 20 horas, faremos neste recinto actividades de Volta ao Cole con música, pintacaras e sorteos de material escolar entre os nosos asociados", dixo.
Alén Castro destacou "a calidade dos produtos e a proposta diferenciada dos distintos postos". Na mesma liña, destacou a importancia "do comercio local para incentivar as nosas vilas e as nosas cidades" e agradeceu o traballo de Entretendas.

Pola súa banda, María Deza destacou "o esforzo" dos comercios que "deixan a súa tenda física para estar aquí amosando a súa oferta como un atractivo máis do noso municipio".

O horario de apertura dos expositores será continuado, de 11 a 21.30 horas.

0
0
0
s2sdefault