Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUMA DESDE HOXE UNHA NOVA INSTALACIÓN DEPORTIVA MUNICIPAL CO CAMPO DE FÚTBOL DE O CRUCEIRO EN DORRÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O público abarrotou as bancadas para asistir esta tarde á inauguración do espazo deportivo

Sanxenxo, 14 setembro de 2024.- Sanxenxo suma desde hoxe un novo campo de fútbol municipal, o de O Cruceiro en Dorrón. As novas instalacións non só espertaron unha gran expectación entre os veciños e veciñas da parroquia que abarrotaban as bancadas, o acto inaugural contou cun importante respaldo do mundo do fútbol coa asistencia do oito presidentes dos clubs do municipio, expresidentes do club local e o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán.

O alcalde, Telmo Martín, acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, foi o encargado, desde o terreo de xogo, de dar a benvida e de agradecer a asistencia a "un acto moi importante para Dorrón e para todo Sanxenxo". "Gústanos cumprir os compromisos que adquirimos. Dotar a este campo de herba artificial era unha débeda que tiñamos con esta parroquia e este club de fútbol. Tardamos un pouco máis do previsto, pero o resultado final vai moito máis alá do compromiso porque toda a instalación é nova", indicou. "Non se me ocorre mellor maneira de estrear hoxe este campo municipal que con dous clubs locais, o Dorrón e o Noalla?, lembrou. "O fútbol é moito máis que un deporte, é un fenómeno social que nos emociona e conmove. Veciños de Sanxenxo, veciños de Dorrón invítovos a desfrutar destas instalacións", finalizou.

O presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, fixo entrega ao alcalde dunha camiseta da selección española co seu nome e o número 15, os anos que leva nos seus distintos mandatos como alcalde. Tamén o actual presidente do C.F. Dorrón, recibiu unha camiseta do Dorrón da selección galega. O acto contou tamén coa emotiva presentación e estrea do himno do C.F. Dorrón composto pola Asociación Cultural Soalleira coa que se puxo o broche inaugural. Tras o acto, os asistentes puideron gozar dun aperitivo na zona da cantina e as bancadas.

Tras un investimento de máis dun millón de euros, realizada pola empresa concesionaria da auga como compensación polo canon, o novo campo conta con céspede de última xeración para a práctica de fútbol once e sete, e alberga tamén diferentes vestiarios para os xogadores e árbitros, así como cantina e bancadas na parte de arriba. Ademais, acondicionouse a parcela exterior como estacionamento para os usuarios.

O céspede é sintético de base elástica homologado pola FIFA, cunha rede de rega, é un dos alicientes das novas instalacións, preparadas para acoller competicións de alto impacto. Ademais, a iluminación do campo de fútbol leva a cabo mediante torres de 20 metros de altura e cinco proxectores, para conseguir unha boa iluminación. Ao mesmo tempo, tamén se colocaron redes recolle balóns nos fondos do campo e un marcador.

0
0
0
s2sdefault