Concello de Sanxenxo - O CONCELLO TRABALLA NA MELLORA DE ACCESOS DAS PRAIAS DE AREAS, CANELAS E PANADEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O investimento das actuacións nos tres areais supera os 167.000 euros

Sanxenxo, 17 de setembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo continúa coa mellora dos seus areais para facilitar o acceso de forma segura a través de plataformas ou pasarenas. As actuacións encargadas desde a Concellaría de Turismo e Praias, dirixida por Juan Deza, céntranse nas praias de Areas, Panadeira e Canelas.

En Areas, renovarase un tramo de 150 metros de pasarela que transcorre pola beira do río Pintillón ata a entrada á praia. Ademais, mellorarase a protección do espazo dunar ao elevar o novo paseo 50 centímetros. Os traballos comezaron xa a semana pasada co levantamento do tramo que se vai a substituír. O custo desta actuación ascende a 79.149 euros e inclúese na liña 3 de axudas do Embelecemento do Litoral Galego no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation.

Nesta subvención tamén se inclúe a construción da nova pasarela na praia urbana de Panadeira e cuxos traballos está previsto que dean comezo mañá. A actuación consistirá na construción dun acceso practicable para persoas con mobilidade reducida, recuperando o espazo natural da praia ao eliminar as xardineiras existentes no fondo da praia e emprazando no seu lugar a pasarela. En total ocupará unha superficie de 73,5 m2 e 2 metros de ancho. O custo destes traballos ascende a 48.387 euros.

Co obxectivo de recuperar o sistema dunar, eliminar a circulación rodada e mellorar o acceso peonil, na praia de Canelas está a habilitarse un novo itinerario peonil na zona norte do areal. Así se está construíndo unha pasarela elevada 50 centímetros sobre a actual rasante da duna e da zona de acceso rodado. Ademais, colocarase unha varanda para mellorar a seguridade no acceso. A actuación ten un custo de 39.900 euros e inclúese dentro da subvención do Fondo Compensación Ambiental.

0
0
0
s2sdefault