Concello de Sanxenxo - O CONCELLO LICITA A RENOVACIÓN DO CÉSPEDE E DO SISTEMA DE REGA DOS CAMPOS DE FÚTBOL DE NOALLA E BALTAR
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O contrato de subministración por renting sae a concurso por 678.737 euros e cunha duración de 48 meses

Sanxenxo, 19 de setembro de 2024.- O Concello de Sanxenxo sacou onte a licitación a renovación do céspede artificial e o sistema de rega dos campos de fútbol municipais de Noalla e Baltar. O contrato por modalidade de subministración por renting sae a concurso por 678.737 euros e cunha duración de 48 meses.

O paquete de céspede artificial deberá ser última xeración para a práctica de fútbol 11 e fútbol 7 que deberá cubrir unha superficie total de 7.035,6 m2 no CF Noalla e unha superficie total 6.866,80 m2 e unha zona de 155,15 m2 no CF Baltar. O céspede artificial deberá estar fabricado mediante sistema tufting. Unha vez instalado o céspede artificial en toda a superficie, procederase a estender, como capa inferior, a mestura de recheo extraído do sistema de céspede orixinalmente retirado, composto por area de sílice e granulado elástico A proporción e cantidade de recheos a achegar será a que se estime necesaria para superación dos parámetros segundo a Norma UNE en15330-1, (superficies de céspede artificial para fútbol), e FIFA Quality Prol Concept for Football Turf, segundo revisión de manual 2015 ou posterior. O campo de fútbol de céspede artificial será ensaiado por laboratorio.

O sistema auxiliar de rega por aspersión que se contratará estará composto por 12 canóns de impacto emerxente de primeiras marcas, con turbina con rotores de longo alcance, con articulación oscilante de multieje especial, eléctrico, con sistema de xiro por pistón e con auto lubricación por auga, fabricado en aceiro inoxidable.

Desde a Concellaría de Deportes, dirixida por Marcos Guisasola, destácase a aposta pola mellora continua das instalacións deportivas municipais. "Nos próximos días concluirá a reforma do pavillón de Vilalonga e apenas fai cinco días inauguramos o novo campo de fútbol O Cruceiro en Dorrón. Seguimos apostando polo deporte e por mellorar as condicións das nosas instalacións", explica Guisasola.

0
0
0
s2sdefault