Equipada con máis dunha ducia de libros de temática feminista, permanecerá no municipio durante tres meses
Sanxenxo, 9 de outubro de 2024.- O alcalde Telmo Martín e a concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, recibiron esta mañá a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero de mans do subdelegado do goberno, Abel Losada, e de xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller, María José Rodríguez.
Este proxecto de sensibilización é unha iniciativa promovida pola Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación e ten como obxectivo fomentar a igualdade e concienciar sobre a necesidade de seguir avanzando na loita contra a violencia machista.
O alcalde agradeceu a chegada desta iniciativa a Sanxenxo como unha "actividade máis para loitar contra a secuela da violencia de xénero". O subdelegado lembrou o último caso presuntamente de violencia de xénero, ocorrido en Pontevedra, para incidir na importancia deste tipo de accións.
A maleta, que contén máis dunha ducia de libros escritos por mulleres, permanecerá no Concello tres meses, tras os cales continuará a súa viaxe por outros municipios, casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, bibliotecas, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia que a soliciten.