A actuación saíu a licitación por 108.000 euros e será subvencionada a través do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra
Sanxenxo, 10 de outubro de 2024.- O Concello de Sanxenxo acometerá a mellora da iluminación e remodelación das bancadas do campo de fútbol de Noalla cunha subvención do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas da Deputación de Pontevedra. A actuación saíu a licitación por 107.912 euros.
A instalación eléctrica actual do campo de fútbol, conta con seis torres de 17 metros de altura en bo estado, con escaleira e aros varandas, meseta, soportes e plataforma. O terreo de xogo de fútbol 11 conta con catro torres e o terreo de xogo de fútbol 7 conta con dúas. A calidade lumínica actual é deficiente polo que se renovarán todos os proxectores a uns led de maior calidade e eficiencia enerxética que permitirá un aforro do consumo do 30%.
Debido á necesidade de incrementar a protección ante a choiva, nas bancadas proxéctase realizar unha ampliación de 155,00 m² na cobertura de chapa existente. A totalidade da estrutura metálica existente e a ampliación prevista, mesmo piares e placas de ancoraxe protexeranse mediante unha man de imprimación antioxidante e outra de acabado con pintura especial para este tipo de estruturas, previa preparación das superficies a pintar.
Como actuación complementaria, procederase ao desmonte da cobertura de chapa inferior, a cal presenta unha considerable oxidación e co fin de incrementar a protección ante a choiva, instalarase no cerramento lateral, un sistema modular de policarbonato celular. Con este sistema, garántese que a choiva non penetre cara ao interior da bancada.
Cabe lembrar que recentemente o Concello de Sanxenxo sacou a licitación a renovación do céspede artificial e o sistema de rega dos campos de fútbol municipais de Noalla e Baltar por un total de 678.737 euros. O contrato, que será por modalidade de subministración por renting terá unha duración de catro anos. Entre as actuacións previstas proximamente atópase a mellora da iluminación nos campos de Baltar e O Revel.