Concello de Sanxenxo - SANXENXO LOGRA POR SEGUNDO ANO A BANDEIRA VERDE DE GALICIA POLA SÚA PROTECCIÓN DA PAISAXE E O MEDIO AMBIENTE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá a insignia no municipio de Caión

Sanxenxo, 18 de outubro de 2024.- Sanxenxo logra por segundo ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia, un recoñecemento que outorga a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático co que se premia as boas prácticas en conservación, protección da paisaxe e do medio ambiente. O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá a insignia no centro sociocomunitario de Caión (A Coruña). "Sanxenxo segue abanderando á protección do medio ambiente e da paisaxe como un referente da nosa identidade", asegura Torres. O outorgamento deste distintivo constitúe mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e en materia de residuos de competencia municipal.

Sanxenxo presentou máis de once actuacións, case o dobre das que esixe a convocatoria, que o fixeron merecedor deste distintivo e que supuxo un investimento de máis de 3 millóns de euros. Algúns dos proxectos foron a rampla axardinada, a pasarela de Bordóns no sendeiro litoral de Os Carballos de Aldariz, humanización da praza pública de Vilalonga, mellora da accesibilidade no sendeiro litoral Major-A Lanzada, humanización da contorna da rúa Méndez Núñez en Portonovo, mellora da eficiencia enerxética no pavillón do CEIP A Florida, xestión responsable dos residuos, implantación da recollida separada de biorresiduos en grandes xeradores e a Axenda Urbana Sanxenxo 2030.

No ano 2020, o Concello de Sanxenxo, aprobou o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, formando parte do Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía co obxecto de avanzar nas súas actuacións ante o cambio climático, tanto no ámbito da mitigación como da adaptación, mellorando o coñecemento sobre a situación e capacidades da cidade, para poder atender e apoiar as necesidades e inquietudes de cidadanía e empresas, especialmente pemes, ante os efectos do cambio climático.

Sanxenxo tamén forma da Axenda 2030 da Deputación de Pontevedra. Os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) son un referente ético e operativo que debe inspirar a acción de todos os gobernos e da propia cidadanía.

0
0
0
s2sdefault