Concello de Sanxenxo - O POLI PACO PARTICIPA NUNHAS XORNADAS DE EDUCACIÓN VIARIA EN VILLANUEVA DE CÓRDOBA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 21 de outubro de 2024.- O policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, "Poli Paco" participou este fin de semana nas Xornadas de Educación Viaria Villanueva de Córdoba-Los Pedroches xunto a 70 expertos e profesionais vinculados a este sector co obxectivo de establecer unha visión común sobre a seguridade viaria nos municipios e cidades. Martínez foi o encargado de presentar e moderar o relatorio sobre boas prácticas en Educación Viaria na que se abordou a importancia desta formación en Primaria e en Secundaria.

A maioría dos asistentes estaban relacionados con corpos de Policía Local, cunha representación de toda España. Como complemento ás xornadas organizouse no Centro de Información á Muller, en colaboración co Centro de Saúde, un encontro para abordar temas relacionados coa seguridade viaria infantil e das embarazadas.
Abelardo Martínez que o próximo 19 de novembro recollerá a medalla de ouro outorgada pola Unión Nacional de Xefes e Directivos de Policía Local (Unijepol) e a Federación Estatal de Técnicos de Educación Viaria (Fetevi) "pola súa traxectoria profesional e o seu firme compromiso coa formación en seguridade viaria" leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fose do municipio, pero foi en 2012 cando creou á marioneta O Poli Paco, ao que seguiu Ero o Bombeiro, o avó Nicolás e a Poli Lola.
A idea deste monicreque xurdiu como unha forma de achegarse aos escolares e marcou unha tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modo de impartir seguridade viaria nos colexios fíxoo merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o Cidadán Ponlle Freo.
Martínez participa en distintos foros, charlas e congresos celebrados en distintos puntos de España para achegar a súa visión sobre a seguridade viaria e como concienciar aos máis novos. Ademais da rotonda do Poli Paco do colexio da Florida, este ano as Concellarías de Educación e de Seguridade Cidadá e Emerxencias publicaron o conto "Aprende seguridade viaria co Poli Paco", un total de 2.000 exemplares que xa están a chegar aos centros educativos do municipio.

0
0
0
s2sdefault