Concello de Sanxenxo - “O NOSO MERCADO TEN MOITO MAR” ENCHE SANXENXO DE PROPOSTAS PARA REVITALIZAR OS MERCADOS LOCAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A xornada destacou a importancia de reforzar a imaxe dos mercados como espazos de calidade e autenticidade, con casos de éxito e propostas innovadoras

Expertos do sector abordaron a necesidade de adaptar os mercados ás novas demandas sen perder a súa esencia de proximidade

 

O Hotel Carlos I Silgar acolleu hoxe a xornada “O noso mercado ten moito mar”, organizada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro da Ría de Pontevedra (GALP Ría de Pontevedra). O evento reuniu a máis de 60 profesionais do sector pesqueiro, técnicos municipais e representantes de entidades públicas e privadas, co obxectivo de impulsar a dinamización dos mercados locais e promover o consumo de produtos frescos da pesca e o marisqueo.

Durante a inauguración a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde Acuña, alabou este encontro que sirve “para reflexionar sobre mellorar as nosas prazas, facelas máis atractivas, accesibles e dinámicas, promovendo así o consumo consciente que valore non só o produto senón tamén todo o que hai detrás del”. Subliñou que "se traballamos xuntos podemos asegurar que os nosos mercados locais sexan eses espazos de intercambio xusto."

 

Ao longo da sesión, diversas voces expertas compartiron experiencias e propostas para mellorar a sostibilidade e a competitividade dos mercados locais. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou a importancia dos mercados “elementos estratéxicos para a dinamización do comercio local”, e fixo fincapé na necesidade de “dar saída a ese produto de extraordinaria calidade dos produtos da praza”. Tamén aproveitou para dar a coñecer os mercados excelentes da nosa comunidade autónoma e informar das liñas de apoio dispoñibles para fomentar a modernización e promoción destes espazos. 

Na súa intervención, a directora xeral de FEDEPESCA, María Luisa Álvarez Blanco, alertou sobre a preocupante caída no consumo de peixe en España, que se reduciu a 18 kg por persoa ao ano, e fixo un chamamento a fomentar o consumo entre as novas xeracións para evitar que esta tendencia se agrave. Sinalou a perda do 22% das peixerías tradicionais nos últimos 14 anos, atribuída en parte á falta de relevo xeracional, e destacou que “a mellor experiencia para comprar produtos pesqueiros é na tenda física.” Para reverter esta situación, propuxo estratexias de modernización que inclúen deseños innovadores, servizos de entrega a domicilio e accións promocionais como degustacións e campañas de marketing.

A xornada contou tamén coas achegas do director xeral de Pesca Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Consellería do Mar, Antonio Basanta Fernández, quen destacou a relevancia de iniciativas como PescadeRías e Come o mar, enfocadas en promover o consumo de produtos frescos locais a través de campañas de sensibilización e certificación de calidade. Basanta subliñou que “a combinación do patrimonio pesqueiro e a gastronomía galega é unha aposta gañadora,” insistindo na importancia de fortalecer a colaboración entre o comerciantes e a hostalería. Tamén resaltou o papel esencial dos GALP, afirmando que “os GALP teñen moitas e boas accións en marcha e debemos poñelas en valor, porque son claves para o desenvolvemento sostible das nosas zonas costeiras e para fomentar o consumo de produtos do mar.”

 

Un dos momentos máis salientables da mañá foi a intervención da xerente do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela, Marta Rey Boquete, que compartiu a experiencia deste espazo emblemático. Rey Boquete destacou que, a pesar das dificultades que atravesan os mercados, é fundamental seguir traballando para mellorar. “Os comerciantes deben liderar o cambio: diferenciarse, promocionarse e aproveitar todo o potencial das prazas. As administracións poden apoiar, pero non resolver o problema por si soas.” Insistiu ademais na importancia de promover hábitos saudables, afirmando que “a saúde empeza pola mesa e iso hai que poñelo en valor.” Para rematar, subliñou o papel versátil das prazas como espazos sociais e comerciais: “As prazas teñen un atractivo especial, son lugares onde se poden facer moitas cousas.”

Chao Quintana, socia-xerente de Rural Consulting, pechou o evento destacando a importancia de levar á práctica as ideas expostas, facendo un chamamento á colaboración para crear mercados excelentes. “É posible cambiar, pero require un esforzo colectivo,” remarcou, insistindo na necesidade de ofrecer produtos atractivos, coñecer ben os provedores e adaptar os servizos ás necesidades dos clientes para garantir o éxito do comercio local.

A xornada ofreceu un espazo de reflexión compartida sobre a importancia de revitalizar os mercados locais como centros de dinamización económica, social e cultural. As diferentes intervencións deixaron claro que a clave está en combinar tradición e innovación, promovendo o consumo de produtos frescos e de proximidade a través de estratexias efectivas de marketing, modernización e colaboración entre todos os axentes implicados. Para acadar un cambio real, é necesario un esforzo conxunto que involucre tanto aos comerciantes como ás administracións e ao tecido social. 

Departamento Comunicación 

Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro
Ría de Pontevedra

0
0
0
s2sdefault