O concelleiro de Turismo, Juan Deza, expuxo os beneficios de substituír as papeleiras por colectores nos accesos aos areais
Sanxenxo, 23 de outubro de 2024.- Sanxenxo expuxo onte no 2º Congreso de Bandeira Azul celebrado en Alacante a supresión de papeleiras das praias como modelo de sustentabilidade do medio mariño. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, expuxo a experiencia dunha medida adoptada en 2018 e pioneira a nivel nacional que permite unha mellora na xestión de residuos e elimina o lixo das praias.
"A substitución de papeleiras por colectores coa súas catro fraccións, permítenos reciclar. Os colectores evitan que as papeleiras se desborden, atraendo a gaivotas, ademais de ter logo que recoller todos os residuos que estas esparcen pola area e chegan ao mar", sinalou. Deza recoñeceu que, aínda que nun primeiro momento, "houbo queixas, pero o cambio foi asumido completamente ao ano seguinte polos usuarios". E é que, tal e como explicou Deza, "cos colectores evítase a limitación da capacidade das praias, pois os bañistas non queren situarse preto das papeleiras e ademais estrágase a estética da praia e xéranse malos cheiros".
Durante o seu relatorio, tamén lembrou outras medidas postas en marcha para garantir a calidade do servizo nos areais e o coidado do medio ambiente como foron a substitución das duchas por lavapés para reducir o consumo da auga e a limpeza cada hora e media dos baños, unha medida posta en marcha durante a pandemia e que xa quedou instaurada.
O congreso continúa hoxe e mañá cun total de 41 entidades representadas: 11 entidades públicas de ámbito estatal e autonómico, 11 municipios, 7 fundacións ou asociacións, 6 universidades e 6 empresas de diferentes sectores.