Sanxenxo, 24 de outubro de 2024.- Os seis cemiterios do municipio de Sanxenxo póñense a punto para a celebración a próxima fin de semana do Día de Defuntos e o Día de Todos os Santos. Os traballos deron comezo xa hai días nos dous camposantos de titularidade municipal, o de Dorrón e o de Sanxenxo, con podas e limpezas de zonas ou espazos comúns.
No caso de Sanxenxo, a Concellaría de Servizos, dirixida por Yago Torres, empedrou a entrada ao cemiterio que se atopaba en terra e a intención é continuar no resto dos corredores centrais para mellorar o tránsito peonil polo camposanto.
O Concello colabora cos xestores dos cemiterios de Nantes, Portonovo, Noalla e Vilalonga, en tarefas de limpeza, así como con traballos de mantemento. Operarios municipais revisan estes días as zonas axardinadas e comúns, así como os puntos de luz e auga, así como os viarios de acceso para reforzar a seguridade viaria e interior do camposanto.