Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RENOVARÁ O VALADO DE ACCESO Á ERMIDA DA LANZADA E MELLORARÁ A ENTRADA Á PRAIA ESPIÑEIRO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación orzada por 36.169 euros contará cunha axuda de conservación da Rede Natura 2000 de Galicia cofinanciada co Feader

Sanxenxo, 28 de outubro de 2024.- O Concello de Sanxenxo iniciou a semana pasada a renovación do valado de acceso á Ermida da Lanzada cunha axuda autonómica vinculada á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia dotada con 29.892 euros (sen IVE). Na subvención tamén se inclúe a mellora de acceso á praia Espiñeiro.

O acceso á ermida da Lanzada é un espazo moi transitado por visitantes que se achegan tanto a observar a natureza como a capela existente. Existe unha explanada de grandes dimensións que funciona como acceso e nas beiras atópanse cantís e zonas con vexetación ben conservada. Estas zonas están delimitadas mediante varandas que actualmente se atopan en moi mal estado de conservación. Co obxecto de delimitar o espazo e evitar que os usuarios da zona traspasen os límites e xeren erosión sobre a vexetación, colocarase un novo valado.

A varanda estará formada por un poste de 15 centímetros de diámetro e traveseiros de 8 centímetros. Non se empregará cimentación, xa que irá directamente ancorada no chan a unha profundidade de máis de 40 centímetros. Vaise a instalar en tres tramos que suman un total de 295 metros lineais.

Ademais, na segunda anualidade da axuda está prevista o acondicionamento de acceso á praia do Espiñeiro. Pero posto que a superficie non está tratada, a auga e o paso de persoas erosionan a plataforma, de modo que os límites van ampliándose cada certo tempo sen que se poida establecer unha protección eficaz dos laterais. Ademais, debido á erosión pola auga, este acceso precisa intervencións periódicas para evitar a formación de grandes foxos.

Para acondicionar esta entrada realizarase un tratamento da superficie da rampla de 190 m2. Aplicarase unha capa de 20 centímetros de zahorra con ligante
natural. Deste xeito, garántese a durabilidad da superficie e minimizarase a erosión. Para conter a zahorra e garantir a delimitación do espazo de tránsito, instalarase un bordo de madeira tratada ou similar, que conteña o perímetro da rampla. Realizaranse cunetas, en zahorra con ligante natural, en ambos os lados para garantir a evacuación de augas.

logos ministerio agricultura

0
0
0
s2sdefault