Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORA A SEGURIDADE VIARIA E ACCESIBILIDADE NO PARQUE EMPRESARIAL E INSTALA TRES DIRECTORIOS DE EMPRESAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación inclúe rozas dos espazos públicos e a colocación de sinais co nome dos viarios

Sanxenxo, 29 de outubro de 2024.- Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e accesibilidade, así como a mobilidade dentro do parque empresarial, o Concello está a acometer un proxecto que inclúe a sinalización das rúas, a reforma de 15 pasos de peóns, a renovación de sinais en mal estado e a colocación de tres directorios de empresas nas entradas ao polígono. A actuación que ten un custo de 48.389 euros, conta cunha subvención de 37.644 euros da Consellería de Economía, Innovación e Industria. Na mellora tamén se inclúen as rozas necesarias nos espazos públicos.

Cos traballos liquidarase o badén existente entre a beirarrúa e a plataforma da estrada nos pasos de peóns. Ademais, colocarase unha superficie podotáctil e en cor contrastada para que as persoas con problemas de visión ou con mobilidade reducida, poidan detectalo e recoñecelo como un sinal para manterse alerta.
En canto ao rueiro e tal e como se acordou en sesión plenaria, sinalizarase como Avenida Europa, o principal viario que atravesa o parque lonxitudinalmente de leste a oeste e, como Avenida España, o segundo viario en importancia que percorre o parque en sentido perpendicular ao viario principal. Tamén haberá dous viarios que manteñen na súa denominación a tradición da parroquia de Nantes, que son a rúa Con da Romaiña e o Camiño de Ríoboo. Para o resto dos viarios proponse unha denominación numérica por motivos esencialmente prácticos.


Na actualidade, o polígono, ten xa ocupado ou comprometido o 30 % da súa superficie comercial. Nantes dispón de 259 parcelas para actividades económicas que suman 310.000 metros cadrados. A maiores, o Concello de Sanxenxo dispón doutras quince, das que en dúas xa se empezaron a nave de servizos e praias. Así mesmo, o polígono ten outro catro leiras adscritas aos servizos xerais da subestación eléctrica. Entre as parcelas que neste momento teñen actividade, as leiras onde se están construíndo instalacións e os predios para os que se tramitan licenza, o nivel de ocupación é de 68 parcelas e 89.307 metros cadrados.

0
0
0
s2sdefault