A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e o edil de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Perez, acudiron á clase
Sanxenxo, 30 outubro de 2024.- A Casa de Cultura de Dorrón acolleu esta mañá a formación en seguridade viaria e primeiros auxilios destinada ao setenta inmigrantes de Mali aloxados en Sanxenxo desde o pasado mes de setembro. O policía local Abelardo Martínez e o traballador de Emerxencias Santi Salomón encargáronse de impartir a clase coa que se lles dá ferramentas de como actuar en caso de emerxencia, normas de seguridade viaria tanto para peóns como para condutores, medidas de retención en vehículo, cando realizar unha chamada de emerxencia ao número 112, como facer unha valoración dunha vítima, saber como é a posición lateral de seguridade, realizar unha reanimación cardiopulmonar ou a manobra de Heimlich para persoas que sofren un atragantamiento.
A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, e o edil de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Perez, asistiron á clase para explicarlles a importancia deste tipo de formación que se inclúe dentro das actividades coas que o Concello colabora con Accem, a oenegué que se encarga do seu coidado en Sanxenxo. "Queremos que saibades que estamos aquí para axudarvos e esta clase é unha forma de que vos movades de forma segura por Sanxenxo ou calquera sitio", explicou Paz Lago. Na mesma liña, manifestouse Xoán Pérez que lles animou "a pedir axuda sempre que o necesitedes".
A pesar das barreiras do idioma, tanto Abelardo Martínez como Santi Salomón conseguiron facer chegar a súa formación a través de vídeos e de casos prácticos axudándose dos inmigrantes que teñen un mellor nivel de español para lograr facerse entender por todos os asistentes con explicacións no seu idioma natal e tamén en castelán. Unha formación transversal que inclúe non só a educación viaria e os primeiros auxilios, senón tamén unha forma de socialización e de aprendizaxe do idioma.
OS INMIGRANTES DE MALI, ALOXADOS EN SANXENXO, RECIBEN FORMACIÓN EN SEGURIDADE VIARIA E PRIMEIROS AUXILIOS
powered by social2s