O concelleiro de Turismo, Juan Deza, mantivo xa varios encontros con empresas inglesas do sector
Sanxenxo, 6 de novembro de 2024.- O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, mantén unha intensa axenda de encontros e reunións na WTM de Londres con operadores interesados no destino. "Estamos a ter moi boas sensacións e pechando citas de visitas a Sanxenxo con empresas do sector turístico inglés. Interésanos seguir incrementando as cifras en tempada baixa coa gastronomía, a paisaxe e patrimonio como nosas principais bazas", explica.
Sanxenxo está presente no stand de Galicia dentro da marca Turespaña con material promocional do destino, merchandising, folleto xenérico do destino e folleto de turismo náutico (ambos en inglés) e, por primeira vez, cunha Guía de Sendeiros Azuis en papel e idioma inglés que, ademais, tamén se poderá descargar por código QR. Esta guía recolle todos os recursos naturais do municipio, xeolocalizados, con traking de rutas. Ademais, dentro dos 8 Sendeiros Azuis recóllense todos os puntos de interese relacionados con cada unha das rutas.
O concelleiro de Turismo e Praias está acompañado dunha ampla comitiva de empresas locais a través do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, CETS, co seu presidente á fronte, Alfonso Martínez, e dentro da misión comercial que, como todos os anos, organiza o Clúster de Turismo de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia.
A WTM é unha das feiras de turismo máis grandes e importantes do mundo. Con máis de 5.000 destinos representados e unha gran afluencia de delegados de todo o mundo. Ademais da súa extensa exposición, a WTM é coñecida polo seu programa de conferencias, que cobre temas como a sustentabilidade, a mercadotecnia dixital, as novas tecnoloxías e as tendencias emerxentes na industria.