Está previsto realizar outras dúas o mércores e o xoves en Nantes e en Dorrón
Sanxenxo, 7 de novembro de 2024.- O alcalde, Telmo Martín, e a directora xerente do Seaga, Luisa Piñeiro, acompañados dun técnico da sociedade autonómica iniciaron onte no Priorado de Arra unha rolda de reunións informativas sobre a limpeza de leiras situadas na franxa secundaria, ao redor de vivendas ou núcleos de poboación, para a prevención de incendios forestais. No encontro os veciños asistentes, ao redor de cen, puideron consultar directamente as dúbidas co Seaga.
O Seaga inspeccionou un total de 15.900 parcelas en todo o termo municipal froito dun convenio asinado co Concello e ao que están adheridos 288 concellos galegos. A revisión deu como resultado que o 40% das leiras inspeccionadas deben someterse a unha limpeza total ou parcial.
Os avisos de limpeza xa comezaron a chegar aos propietarios que deberán contar coas súas parcelas limpas antes do 31 de maio, tal e como figura na lei, pero como o prazo inicial que figura na carta é de 15 días, no caso de non poder realizar a limpeza nese tempo, deberán solicitar unha prórroga ao Seaga a través do Concello. Para iso, reforzouse con máis persoal o Rexistro municipal e habilitouse o Salón de Plenos como punto de atención aos veciños que queiran consultar datos da súa leira a través dos datos catastrais ou mesmo corrixir posibles erros.
En canto á limpeza, as parcelas situadas nesta franxa de risco, a 50 metros dos chans urbanos, deben estar libre de eucaliptos, piñeiros e acacias, así como de maleza que poidan favorecer a propagación do lume en caso de incendio. Aos propietarios que incumpran os criterios de xestión de biomasa tras ser notificados, realizaráselles unha execución subsidiaria na cal os custos serán abonados polos propietarios, paralelamente á incoación dunha sanción.
Durante a próxima semana continuaranse coas charlas informativas nas parroquias de Nantes, no local da Comunidade de Regadores, o mércores ás 19 horas, e na Casa de Cultura de Dorrón, o xoves, ás 19 horas.