O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu o distintivo nun acto celebrado no Concello de Salvaterra de Miño
Sanxenxo, 15 de novembro de 2024.- Sanxenxo forma parte desde hoxe do proxecto Vilas en Flor con dúas Flores de Honra. O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá a distinción na Casa Consistorial de Salvaterra de Miño. O xurado valorou as 220 zonas verdes municipais, equipamentos, sendeiros, así como espazos de alto valor natural como o complexo intermareal da Ría de Arousa á hora do seu veredicto. "Continuaremos mellorando e tentando acadar ou maior número de flores de honra. Trasladar o esforzo que facemos para acadar as bandeiras azuis en praias aos noso espazos verdes", asegura Yago Torres.
Vilas en Flor é un programa que quere mostrar a riqueza natural e paisaxística do territorio mediante o recoñecemento público de todos aqueles proxectos de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos que son un exemplo a seguir. As Flores de Honra son o distintivo que se conceden anualmente aos municipios participantes no programa Vilas en Flor segundo o criterio dun xurado especializado.
O programa segue a estela de programas similares xa en funcionamento noutros países como Francia (Villes et Villages Fleuris, que foi creado en 1959 e serviu de modelo ao resto de proxectos que se iniciaron posteriormente), Italia (Comuni Fioriti), Reino Unido (Britain in Bloom), Irlanda (Tidy Towns) ou Canadá (Communities in Bloom).
A implantación xorde por iniciativa de Asvinor e Agaexar e está apoiada e coordinada pola Fundación Juana de Vega, dentro do seu marco de traballo para a mellora integral do territorio e a paisaxe. Os 42 municipios participantes están distribuídos en todas as provincias galegas, todos con menos de 40.000 habitantes.