Sanxenxo, 15 de novembro de 2024.- Baixo a lema "25-N: 365 días", o Concello de Sanxenxo, a través das concellarías de Servizos Sociais e Educación, dirixidas por Paz Lago e Nati Parada, estende máis aló da propia xornada a programación do Día Internacional da Loita contra a Violencia de Xénero con actividades centradas na prevención, empoderamiento e formación, pero tamén con debate e reflexión como principais bazas.
A actividade arrincou coa formación en educación afectivo sexual nos centros educativos como forma de prevención de condutas ou manifestacións de violencia de xénero na idade adulta. Unha formación que se complementará con outra prevista para o 28 de novembro, de 18:30 a 20:30 horas, na Sala Nauta centrada na educación afectivo sexual para familias. Unha das novidades deste ano e está a ter un gran éxito é o curso de boxeo dirixido a mulleres, un programa pioneiro que busca o fomento da autoestima en mulleres e romper estereotipos.
Na programación ponse o foco nos colectivos do municipio implicándoos nas actividades como fíos condutores da reflexión e o debate. "Este ano colaboramos con distintas asociación e entidades locais deseñando unha serie de produtos visuais, emocionais e sociais. Entendemos que é un día para a reflexión conxunta", asegura Paz Lago. "É momento de analizar toda a traxectoria realizada e trazar liñas de intervención futuras", apunta. Un traballo que verá a luz durante o acto do 25-N que este ano se celebrará nas instalacións do Real Club Náutico, ás 19 horas.
Desde esta fin de semana, a fachada do Concello de Sanxenxo iluminarase de violeta como acto simbólico de loita contra a violencia de xénero e o punto violeta recalará na zona do porto deportivo de Sanxenxo tras pasar polos tres centros educativos de secundaria do municipio. "É importante que os mozos e mozas poidan identificalo e o coñezan para que poidan recorrer a el se o precisa. É unha ferramenta máis de sensibilización contra a violencia de xénero", asegura Nati Parada.
Ademais, ao longo deste mes continúase coa Maleta Viaxeira coa que están a traballar as asociacións de mulleres rurais do municipio.
A programación pecharase coa Mesa de Violencia de Xénero, o próximo 10 de decembro, e cun curso de autodefensa feminina, asignado desde a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que será impartido a finais do mes de novembro ou principios de decembro.