Concello de Sanxenxo - O POLICÍA LOCAL ABELARDO MARTÍNEZ RECIBE A MEDALLA DE OURO EN EDUCACIÓN VIARIA NA GLOBAL MOBILITY CALL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, asistiu ao congreso internacional sobre mobilidade sostible celebrado en Madrid.

Sanxenxo, 19 de novembro de 2024.- No marco do maior congreso internacional sobre mobilidade sostible celebrado en Madrid, a Global Mobility Call, o policía local de Sanxenxo, Abelardo Martínez, recibiu esta mañá a medalla de ouro pola súa traxectoria e contribución á educación viaria. No acto estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, que acudiu ao congreso para coñecer as últimas novidades do sector e asistir á entrega do premio. “É un orgullo contar no persoal municipal cun policía como Abelardo Martínez, todo un referente en educación viaria a nivel nacional. Co seu traballo e dedicación leva o nome de Sanxenxo por todo o país”, destacou.

Abelardo Martínez recibiu o premio, concedido por Unijepol e Fetevi, de mans da presidenta de Aesleme, Mar Cogollos, acompañado do guiñol Poli Paco, o primeiro monicreque que utilizou para iniciar a educación viaria nos centros educativos de Sanxenxo. “Este recoñecemento anímame a seguir traballando en educación viaria, motívame e fainos pensar que o premio non é polo que fixen senón por todo o que teño que facer para mellorar a seguridade viaria”, asegura.

O axente Abelardo Martínez leva desde 2008 impartindo formación en seguridade viaria en Sanxenxo e mesmo fóra do municipio, pero foi en 2012 cando creou ao guiñol Poli Paco, ao que seguiron Ero o Bombeiro, o avó Nicolás e a Poli Lola. Unha idea que xurdiu como unha forma de achegarse aos escolares e que marcou tendencia a nivel nacional en materia de seguridade viaria. O seu modo de impartir educación viaria nos colexios fíxoo merecedor de diversos premios como a medalla á Seguridade Viaria de Fesvial, o Premio RACE de Educación Viaria ou o Cidadán Ponle Freno.

Martínez ten participado en distintos foros, charlas e congresos celebrados en diversos puntos de España para achegar a súa visión sobre a seguridade viaria e concienciar aos máis novos. Ademais da rotonda do Poli Paco no colexio de A Florida, este ano as concellarías de Educación e Seguridade Cidadá e Emerxencias publicaron o conto “Aprende seguridade viaria co Poli Paco”, un total de 2.000 exemplares que xa están chegando aos centros educativos do municipio.

0
0
0
s2sdefault